Enlaces accesibilidad

Santiago busca cen mil votos para que o Carballo de Conxo sexa árbore europea de 2022

  • A árbore, bicentenaria e cargada de simbolismo histórico e social, xa gañou o título para representar a España
  • O Concello presentou a campaña da súa candidatura, na que compite con outras 14 árbores emblemáticas do continente

Por
Santiago busca cen mil votos para que o Carballo de Conxo sexa árbore europea de 2022

Diante do carballo, de 250 anos e 30 metros de altura, presentábase hoxe a campaña para tratar de lograr o seu nomeamento coma árbore europea deste 2022.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, calcula os apoios que precisaría para logralo: “Cen mil votos, competimos 15 países, a árbore emblemática de cada un dos 15 países... Nós calculamos que con cen mil votos, gañamos”.

Divulgación nas redes sociais

A campaña para buscar apoios á candidatura vaise desenvolver durante todo o mes de febreiro nas redes sociais. Tamén participarán nela a Xunta e o Goberno central.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, confírmao: “Estaremos ao lado do Concello para divulgar, pero esa divulgación tamén se fará a través das redes sociais porque todos debemos implicarnos e porque somos Camiño de Santiago”.

Jorge Marquínez, director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio de Transición Ecolóxica, tamén garante o apoio do Goberno: “Isto elevará a importancia da árbore e será algo bo para Santiago, para Galicia e para os españois”.

O Concello de Santiago comprométese a plantar unha árbore autóctona por cada voto recibido por este carballo centenario, o avó, un supervivente dunha gran fraga que houbo, no seu día, á beira do Río Sar.

Plantación escolar

Os alumnos dun colexio próximo plantaron hoxe carballos criados con landras seleccionadas para que no futuro se convertan nunha carballeira nun mirador sobre a cidade de Santiago e o río.

“Hai unha árbore, que é un carballo, que foi elixida para representar a España e estamos plantando como as fillas desa árbore”, explica una das nenas. “Esta árbore”, di outro rapaz, “vai ser moi grande”.

Agora que en toda España e en Europa adiante xa aprenderon a dicir Tanxugueiras, é o momento de practicar tamén con Carballo de Conxo, porque este exemplar bicentenario e emblemático quere ser nomeada árbore europea.

Se conseguimos o mesmo apoio que tiveron Tanxugueiras, gañamos”, conclúe o alcalde de Santiago.