'Santa Liberdade': o secuestro dun transatlántico para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar
- O galego Xosé Velo, un republicano fuxido dun cárcere franquista, foi o ideólogo da operación
- Brasil deu asilo político aos activistas despois de doce días vixiados pola Armada estadounidense
Cúmprense 61 anos do secuestro do transatlántico Santa María. Unha acción protagonizada por 24 exiliados españois e portugueses que pretendían chamar a atención da comunidade internacional contra as ditaduras de Franco y Salazar.
Durante doce días, entre o 22 de xaneiro e o 2 de febreiro de 1961, o transatlántico Santa María, que cubría a ruta entre La Guaira en Venezuela e Vigo, foi portada da prensa internacional. Un milleiro de pasaxeiros foron secuestrados por 24 homes do DRIL, o Directorio Ibérico de Liberación Nacional.
O historiador Xosé Estévez sostén que “estaban financiados por cataláns e vascos”.
Gañaron a simpatía da opinión pública internacional
A súa intención era chamar a atención da opinión pública internacional contra as ditaduras de Franco e Salazar. Un secuestro que rematou cun morto, un ferido grave, vixiados pola Armada estadounidense e co goberno brasileiro ofrecéndolles asilo político.
Aser Álvarez é xornalista e autor do documental Xosé Velo, o libertador ibérico. Asegura que logran o seu obxectivo: “gañan a complicidade da prensa internacional”.
“A nosa chegada a Recife, en Brasil, foi entre aplausos, con música clásica. Foi un espectáculo contra as ditaduras ibéricas“
Víctor Velo, fillo de Xosé Velo, con apenas dezaoito anos viaxaba tamén naquel barco que acabaron rebautizando como Santa Liberdade: “A nosa chegada a Recife (Brasil) foi entre aplausos, con música clásica. Foi un espectáculo contra as ditaduras de Franco e Salazar”.
Aser Álvarez explica que non era piratas: “Tivemos acceso aos informes do Departamento de Estado de Estados Unidos onde en todo momento se trata esta acción coma unha acción política de denuncia das ditaduras ibéricas e xamais coma, pretendían facer ver Franco e Salazar, coma un acto de piratería”.
Pepe Velo, ignorado pola historia “oficial”
A figura de Pepe Velo quedou velada tanto no discurso oficial portugués coma por Franco, “que non quería baixo ningún concepto que se soubese que o ideólogo e principal inspirador de esta acción era un galego, un republicano fuxido dun cárcere franquista”, conta Aser Álvarez.
Xosé Velo morreu aos 55 anos vítima dun cancro no exilio en Sao Paulo, o 30 de xaneiro de 1972, poucos anos despois do secuestro do Santa María. Un documental recupera agora a súa figura medio século despois da súa morte.