Casas fabricadas en Ourense para os realoxos da La Palma
- Unha empresa especializada na reciclaxe de contedores prepara 58 vivendas para familias afectadas pola erupción do volcán
- A compañía tivo que triplicar o cadro de persoal para atender a encarga do goberno canario
Con contedores para o transporte marítimo de mercadorías, unha empresa ourensá vai fabricar 85 casas modulares de 60 e 45 metros cadrados.
Cada unha está feita con dous contedores e materiais sostibles. A de tres dormitorios, dous baños, cociña e sala de estar custa arredor dos 50.000 euros. Son resistentes ao lume e dunha calidade media alta.
“Son viviendas que cubren todo tipo de normativas, habitabilidad, código técnico..., con climatización, con cocina incorporada... “
David González, xerente da empresa MyBox Experience, explica que “no son casetas de obras, digamos, al uso. Son viviendas que cubren todo tipo de normativas, habitabilidad, código técnico..., con climatización, con cocina incorporada, pinturas sostenibles...”
O volcán destruíu 1.345 vivendas
A fabricación das 85 vivendas é unha encarga do goberno canario. Son para realoxar ás familias da illa da La Palma que perderon as súas casas ao quedar sepultadas pola lava durante a erupción do volcán de Cumbre Vieja.
Vanas instalar nun terreo cedido polo concello dos Llanos. O goberno insular encargarase de amoblalas.
A proposta desta empresa ourensá impúxose á doutras 40 porque se comprometeron a fabricar cada mes entre dez e quince casas.
Para logralo triplicaron o persoal e van crear unha cadea de montaxe como as das factorías de vehículos.
“Vamos a cambiar de hacerlo de una forma artesanal", indica o responsable da empresa, "a hacer una línea de montaje ensamblada y ser mucho más eficientes económicamente y en plazos de entrega”.
Por mar ata as Canarias
Entre onte e hoxe xa enviaron á La Palma cinco vivendas. Transpórtanas por estrada ata o porto de Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e por mar ata Tenerife e A Palma. Tardarán en chegar entre oito e nove días.
Esta empresa xa fora noticia durante o primeiro ano da pandemia por fabricar un túnel de desinfección do coronavirus e unha aula móbil para os colexios que se desinfecta automaticamente.