Enlaces accesibilidad
Coronavirus

Galicia saca a máscara, pero amodo

  • Deixou de ser obrigatoria en espazos exteriores, pero boa parte da xente segue levándoa por precaución
  • Xunta recomenda seguir con ela nos patios dos colexios mentres non remate a vacinación completa dos nenos

Por
Galicia saca a máscara, pero amodo

Vólvense ver facianas sen máscara pola rúa no día en que deixa de ser obrigatorio o seu uso ao aire libre. O Goberno xustifica a medida pola mellora da situación nesta sexta onda, que acadou o pico o 21 de xaneiro, e para algúns é un alivio.

“Ahora es otro aire, es un aire fresco”, comenta un veciño de Vigo. “Parece que pican menos as orellas”, comenta outro.

Xa se pode ir sen máscara en practicamente todos os espazos exteriores, agás cando hai aglomeracións de xente e non se poida manter unha distancia de seguridade entre persoas igual ou superior ao metro e medio.

Seguir con ela, por precaución

Visitamos unha zona peonil de Vigo. Nove de cada dez persoas segue levando máscara por precaución.

Son tantos os que seguen usándoa que resulta complicado atopar persoas que non a leven.

“Quedei sorprendido de que todo o mundo vai con máscara. Pregunteime se estaría eu equivocado”, indica un home que non a leva posta. Unha muller apunta: “Hasta que esto no se ponga mejor, no me la voy a quitar”.

A razón principal é que as persoas se senten máis seguras.

En zonas máis abertas, a porcentaxe de persoas que van sen ela é maior, pero mesmo así, non son maioría.

Medida polémica

A decisión do Consello de Ministros deixa sen efecto unha das medidas máis controvertidas das adoptadas polo Goberno central. Ante o aumento da incidencia desta sexta onda, a máscara volveu sen obrigatoria o 24 de decembro, contra o criterio de moitos expertos que a consideran ineficaz en exteriores.

Non hai que esquecer que hai que poñela para entrar nos establecementos ou no transporte público, así que de momento queda entre nós.

Dúbidas sobre o uso do máscara nos patios dos colexios

A posibilidade de poder sacar a máscara no exterior é recibida con cautela, con precaución, nos colexios galegos.

Nun de Santiago, tanto os nenos coma os pais chegaban con ela posta e pendentes de indicacións sobre posibles novidades.

“Lo que escuché”, di unha nai, “es que, a partir de que lo decidan, se podría quitar la mascarilla, pero yo no me la quitaría, ni yo ni mis peques”.

Neste baile non se sabe moi ben se un vai ou ten que quedarse quieto. Creo que o mellor que podemos facer é cada un ter a súa propia responsabilidade

Coma o resto, os pais dos alumnos están á espera do que decidan nos colexios e as autoridades sanitarias, logo de que a Xunta decidise consultar ao comité clínico, antes de aplicar a retirada da máscara nos patios e nos recreos.

O pai dun dos escolares, coa máscara posta, expresa a incerteza: “Neste baile non se sabe moi ben se un vai ou ten que quedarse quieto. Creo que o mellor que podemos facer todos é cada un ter a súa propia responsabilidade e coidarnos nós mesmos”.

Outro, engade: “Paréceme un pouco precipitado. Habería que preguntarlles aos científicos. Non aos políticos”.

Difícil manter a distancia nos patios

Os pais e nais ven difícil manter a distancia de seguridade nos patios, se esa é a condición para prescindir da máscara nos recreos: “A distancia, cos nenos é imposible. Nun patio, nunha aula ou onde sexa. O outro é obrigalos a estar cada un nunha esquina sen tocarse... e iso aínda é peor”.

Os nenos, dando unha vez máis mostra do sentido que amosaron durante toda a pandemia, parecen dispostos a facer o que faga falta para seguir mantendo lonxe o contaxio.

“Yo pienso que deberíamos seguir llevándola porque hay mucho coronavirus”, apunta un rapaz. E unha nena está de acordo: "Tengo una de tela que sí, hai que llevarla... por el bicho diminuto”.