Enlaces accesibilidad

Medra a demanda de pandeiretas e de clases de muiñeira polo 'efecto Tanxugueiras'

  • A música tradicional galega, en auxe tralo éxito do trío de pandeireteiras no Benidorm Fest, onde foron as favoritas do público
  • A súa canción 'Terra' xa é todo un himno nas escolas de folclore de Galicia

Por
Medra a demanda de pandeiretas e de clases de muiñeira polo 'efecto Tanxugueiras'

Cantigas e Agarimos, en Santiago, é unha das escolas de folclore máis antigas de Galicia. Entre os seus 300 alumnos arrasa Tanxugueiras. Cantarúxana grupos de nenas e nenos polos corredores da escola de muiñeira, no patio antes de entrar á clase…, e tamén dentro.

Pedíronlle á profesora de pandeireta que lles imprimise a letra e xa a incorporaron ao repertorio. Visitamos dúas clases, unha con rapazada de dez e once anos e outras de catorce. Nas dúas cantan ‘Terra’.

“Eu síntome orgullosa delas”, di Rosalía, de dez anos. Ao seu carón Ximena admite que “agora a cultura galega coñécea máis xente”. Gústalles especialmente a combinación das raíces de Galicia coa modernidade que proxectan Tanxugueiras. “E sí, é unha gran referencia para nós”, afirma Ximena.

As favoritas do público

O fenómeno destas tres pandeireteiras, grandes favoritas do público na preselección para Eurovisión, disparou o interese por aprender a bailar, cantar e tocar a muiñeira.

“Está chamando moita xente, preguntando se aínda hai prazas para apuntarse a pandeireta. Moitas nenas dicindo que queren ser como as Tanxugueiras, tocar e bailar coma elas”, asegura Miguel Barbazán, secretario de Escola de Muiñeira de ‘Cantigas e Agarimos’. “Moitas clases témolas completas, pero nas que queda algunha praza xa está empezando xente nova. Mañá, por exemplo, comeza unha nai coas súas dúas fillas pequenas”.

Estamos vendendo como se fora Nadal, hai moito interese e unhas vendas que non son habituais outros anos

“Que nos escoiten berrar coa pandeireta na man”, cantaban Aida, Sabela e Olaia sobre o escenario do Benidorm Fest, alzando as súas. Tres pandeiretas tradicionais, todas pintadas de negro e coas ferreñas douradas.

Encargáronllas en decembro ao obradoiro de percusión tradicional ‘Sanín’. “E agora teño outras cincuenta iguais encargadas”, asegura o seu responsable, José Manuel Salvado. Desde o Benidorm Fest duplicou as vendas.

“Estamos vendendo como se fora Nadal, hai moito interese e unhas vendas que non son habituais outros anos”, confirma este artesán. “Hai xente que quere exactamente a pandeireta que elas levaron e logo hai xente que quere unha pandeireta simplemente. Ben para retomar o seu saber tocando ou tamén hai xente que quere iniciarse agora”.

150.000 pandeiretas

O obradoiro ‘Sanín’ é un dos maiores fabricantes de pandeiretas de Galicia. Máis de 150.000 nas tres décadas que leva en funcionamento en Lavacolla, ás aforas de Santiago.

Facer unha pandeireta é a suma de corenta e cinco procesos distintos, que comezan seis meses antes co virado da madeira, xeralmente de piñeiro ou nogueira. Explícanolo José Manuel mentres coloca con destreza as ferreñas na pandeireta negra que xa é a “top ventas” do seu obradoiro.

“Estamos traballando a moito ritmo para poder servilas en 15 días”, e destaca que “para as que non temos lista de espera é para as tradicionais”. Os prezos oscilan entre os 45 euros dunha pandeireta tradicional e os 69 das de cores ou co parche ilustrado.

Tanxugueiras deulle a volta ao tema de poder utilizar non só a xoiería, senón tamén pezas do traxe tradicional a diario

A xoiería tradicional tampouco escapa ao efecto Tanxugueiras. "Olalla e Sabela luciron o mesmo modelo de sapo e só nos queda o do expositor á venda. O que levou Aida xa o esgotamos”, asegura Lucía Miramontes, encargada de Bulideira.

Esta tenda especializada en traxe tradicional e complementos está detrás dalgúns dos estilismos máis icónicos das pandeireteiras. Dos seus estantes voan agora os pendentes e, sobre todo, os sapos dourados que se usan como colgante ou broche.

O último disco, esgotado

“A xente antes identificaba que só se podían usar co traxe tradicional. Cando as viron a elas vestidas de rúa e coa xoiería tradicional e como lucía sobre o escenario, déronse conta de que poden poñer un sapo para ir cear ou pola rúa", sostén Miramontes. “Tanxugueiras deulle a volta ao tema de poder utilizar non só a xoiería, senón tamén pezas do traxe tradicional a diario”.

Mentres estamos na tenda, situada na entrada do Camiño Francés a Santiago, entran varias persoas preguntar polo último disco do trío de pandeireteiras, ‘Contrapunto’. Tamén está esgotado. Toman nota da encarga para cando llelo repoñan.

Aínda que para escoitar a Tanxugueiras case nin fai falla, porque xa soa en tódolos recunchos de Galicia…, desde patios de colexios, que substituíron o timbre pola melodía de ‘Terra’, ata estadios de fútbol, cos máis de vinte mil seareiros de Riazor bailando ao seu ritmo no descanso do partido entre o Deportivo Xuvenil e o Dinamo de Kiev.