Enlaces accesibilidad

San Xoán de Río: por cada dous bebés que nacen morren trinta anciáns

Coa pandemia, este concello ourensán de 500 habitantes recupera poboación tras décadas perdéndoa

Atrae xubilados, veraneantes que teletraballan e ata unha parella de inmigrantes emprendedores

Por
San Xoán de Río volve gañar poboación

O nacemento de Oyán non sería noticia se non fose porque vai vivir nunha aldea de San Xoán de Río, un concello ourensán de 500 habitantes no que cada ano por cada dous bebés que nacen morren trinta anciáns.

Os seus pais son un profesor de inglés chileno e unha traballadora social francesa que se van trasladar a vivir aquí. Están á espera de obter os permisos necesarios para construír un cámping ecolóxico en dúas hectáreas de bosque.

Aquí podemos estar todo o día sen ter o teléfono na man

"Aquí podemos estar todo o día sen ter o teléfono na man, vendo as aves, as árbores, respirando aire puro, e eso é o que nos enche o corazón", di o pai de Oyán, Mauricio Pacheco.

Retorno de xubilados

San Xoán de Río gañou tamén habitantes grazas ao retorno dunha trintena de persoas xubiladas que cambiaron a cidade por vivir de xeito permanente nas súas segundas residencias. Iso permitiu que o censo de 2021 medrase lixeiramente por primeira vez en máis de setenta anos.

Coa covid reduciuse moito a calidade de vida da cidade, e nós estamos intentando aumentala

"A xente vai vivir onde teña maior calidade de vida. E nós estamos intentando aumentala, porque coa covid reduciuse moito a calidade de vida da cidade", sinala o alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Dixitalización no rural

O alcalde aposta por dotar de servizos tecnolóxicos para seguir gañando habitantes. Cun centro de coworking logrou que os emigrantes que teletraballan pasen máis meses de vacacións aquí. Nun futuro próximo agarda que todas as casas teñan conexión a internet de alta velocidade.

Empresas que dependen únicamente de ter unha boa conexión a internet, aquí vana ter

"Empresas que dependen únicamente de ter unha boa conexión a internet, aquí vana ter e o chan vai ser moito máis barato ca nunha cidade", explica o rexedor.

Empresario de volta de Noruega

Os pais de Oyán van ser os veciños dun empresario retornado de Noruega. Regresou no comezo da pandemia para coidar dos pais cando se contaxiaron e xa non pensa volver.

Grazas as súas xestións, conseguíu 300.000 euros dos fondos Next Generation para crear unha plataforma dixital que permita modernizar os comercios de San Xoán de Río e doutros quince concellos.

"Primeiro, queremos estimular a demanda interna. E logo, darlle visibilidade a que tamén a xente coñeza os produtos de Ourense", di Juan Carlos Pérez, promotor de Ourense Norte Reacciona.

O caso de San Xoán de Río mereceu a atención do xornal estadounidense The Wall Street Journal.