Enlaces accesibilidad

Actos en toda Galicia para conmemorar o Día de Rosalía

  • Por primeira vez a efeméride celébrase o 23 de febreiro e non o 24
  • Novos decubrimentos confirman que esta foi a auténtica data do nacemento da escritora, hai 185 anos

Por
Actos en toda Galicia para conmemorar o Día de Rosalía de Castro

Nenos dun colexio de Santiago, xunto coa cantante Uxía e a poeta Xiana Arias, poñen a banda sonora dun dos actos deste Día de Rosalía en Compostela. Cantan ‘Alborada’, un dos poemas que pecha ‘Cantares Gallegos’, a primeira gran obra impresa en galego, o 17 de maio de 1863.

“Vaite noite, vai fuxindo. Vente aurora, vente abrindo co teu rostro, que sorrindo a sombra espanta”, entoan os rapaces do Ceip Quiroga Palacios. Versos que falan de futuro, da esperanza dun tempo novo, coma o que supuxo a obra da escritora para a nosa lingua e a nosa cultura.

Rosalía foi capaz de romper esas barreiras e facer poemas en galego e, grazas a ela, hoxe nós podemos falar en galego

“Rosalía era unha persoa que facía poemas e falaba en galego cando na súa época non lle deixaban”, cóntanos Noé, alumno de cuarto de primaria. Ao que a súa compañeira Claudia engade que “Rosalía foi capaz de romper esas barreiras e facer poemas en galego e, grazas a ela, hoxe nós podemos falar en galego”.

Baixo o carballo de Conxo

A homenaxe celébrase baixo o carballo de Conxo, que foi defendido por Rosalía de Castro nas súas obras, nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. Unha árbore que agora opta a converterse na mellor de Europa.

“Estamos nun sitio querido e defendido por Rosalía, que cantou a este bosque e pelexou por el. Eu creo que ela estaría hoxe moi orgullosa de vernos aquí defendendo os carballos de Conxo, como o fixo ela no seu día”, asegura Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

Rosalía de Castro naceu en Santiago un día coma hoxe de hai 185 anos. Así o acredita nova documentación, que fai que este ano se adiante, por primeira vez, a efeméride ao 23 de febreiro. Ata agora celebrábase o 24, data do seu bautismo.

Celebramos a unha muller que nos representa, que nos une e que nos move, porque Rosalía de Castro é a nosa dignidade para a lingua, a dignidade para o noso pobo e a nosa cultura

“Hoxe é un día especial porque é a primeira vez que o celebramos o día 23, grazas aos novos descubrimentos e á palabra da nai de Rosalía que dixo que a súa filla naceu o 23 e non o 24 de febreiro”, sostén Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

“E é un día importante porque celebramos a unha muller que nos representa, que nos une e que nos move, porque Rosalía de Castro é a nosa dignidade para a lingua, a dignidade para o noso pobo e a nosa cultura”, engade, antes de depositar unha coroa no monumento que lembra a casa na que naceu Rosalía de Castro, agora xa desaparecida, nun lugar próximo á actual Praza de Vigo, no ensanche compostelán.

Homenaxes coma esta, que se repiten hoxe por toda Galicia, lembran a figura e manteñen vivo o legado da escritora galega máis universal.