Enlaces accesibilidad

Nº 1 no MIR: Sofía Haselgruber, graduada en Medicina pola USC, logra a máxima nota entre 13.000 aspirantes

  • Estudou doce horas diarias durante sete meses pero di que o seu éxito se debe ao que aprendeu nos seis anos de carreira
  • Esta lalinense elixirá dermatoloxía, que é unha das especialidades médicas máis demandadas

Por
Unha estudante galega logra a máxima nota de toda España no MIR

Agardaba ter un bo posto, pero non o número un, porque non sabes como lle saíu o exame ao resto

Sofía Haselgruber acaba de converterse na número un do MIR en España. "Saín do exame cunha boa impresión.

Agardaba ter un bo posto, pero o número un non o esperaba para nada, porque ti nunca sabes como lle saíu o exame ao resto das persoas", asegura humilde esta veciña de Lalín, de pai austríaco e nai galega.

Seis anos de carreira

Graduouse en Medicina na Universidade de Santiago o curso pasado. E dedicou os sete meses seguintes en corpo e alma a preparar o exame de acceso á especialidade. Doce horas de estudo diarias, coa axuda en liña dunha academia asturiana. Pero está convencida de que o segredo do seu éxito foi a base que levaba da carreira.

Houbo preguntas do MIR que eu sabía porque as aprendera na clase cos meus profesores da carreira

"Estudei o MIR sete meses, pero antes estudei Medicina durante seis anos. E todo o que eu aprendín aquí na Universidade de Santiago serviume para preparar mellor o MIR e facer un bo exame. Houbo preguntas do MIR que eu sabía porque as aprendera na clase, aquí, cos meus profesores da carreira", afirma Sofía durante a entrevista que lle facemos, precisamente, na aula de anatomía da facultade de Medicina compostelá.

Estar cos pacientes

Acadou unha nota final de 103,2911 puntos. A mellor dos trece mil aspirantes. Será a primeira en elixir unha das oito mil prazas ofertadas en hospitais de toda España. Quere ser dermatóloga, unha das especialidades con máis demanda, xunto con cardioloxía e cirurxía plástica. No outro extremo, entre as últimas en esgotar prazas, medicina de familia.

Teño que decidir que é o que quero facer e cal é o hospital que máis opcións me dá

"Quero estar nun hospital vendo pacientes e tamén me gustaría ter tempo e recursos para dedicarme á investigación. Igual nun futuro penso diferente pero agora mesmo o que máis me gustaría é dedicarme aos pacientes", sostén Sofía, que ten ata abril para decidir se fará a residencia nun hospital galego ou de fóra. "Dentro da dermatoloxía cada hospital é pioneiro nunha área ou nunha enfermidade. Teño que decidir que é o que quero facer e cal é o hospital que máis opcións me dá".

E mentres, non para de recibir os parabéns dos seus antigos profesores e compañeiros de facultade, da que tamén saíu o número un do MIR hai tres anos. Sofía é a primeira muller que o consegue desde 2013, pese a que nestas aulas elas son oito de cada dez.