Enlaces accesibilidad

Axuda para Ucraína: un establecemento da Coruña está desbordado polos ofrecementos de apoio ao país

Por
Recollida de axuda para Ucraína

Inara Nuralieva sobe a reixa da súa tenda de produtos eslavos ás dez da mañá e a partir de aí non deixa de recibir a xente. Chegan con con caixas de material para enviar a Ucraína.

Traio roupa do neno que tiña na casa, para axudar un pouco

Unha muller explica que trae. "Traio roupa do neno que tiña na casa, para axudar un pouco. A verdade é que de repente atacar así é durísimo."

Outra fai o mesmo. "Traio medicamentos que tiña na casa, que acabas almacenando un montón de cousas. Hai algunhas patoloxías na familia e acumulas máis do que precisas."

Segundo camión

O teléfono soa seguido e hai ofrecementos de todo tipo tanto por parte da clientela coma por parte de persoas que nunca pisaron esta tenda: habitacións libres, caixas a medida para embalaxe, servizos de traducción...

Unha muller ofrece vivenda. "Se unha familia completa ou dúas familias precisan, eu podo recibilas na miña casa un tempo, seis meses, oito meses, un ano, o que faga falta."

Un autónomo preséntase para facer caixas para embalar e transportar material. "As medidas que queiras das caixas, pódochas facer a medida, o que precises, sen problema."

O almacén de recollida está case completo. O primeiro camión para Ucraína partiu o domingo, con 400 quilos de mercaduría. Nas próximas horas faráo un segundo, máis grande. Hai preferencia por produtos para bebés, mantas e medicamentos. Non se aceptan cartos e non se pode enviar nada que estea envasado en cristal.

Ninguén quere esta guerra, nin os meus amigos de Rusia nin a xente de Ucraína que coñezo

Inara di que "ninguén quere esta guerra, nin os meus amigos de Rusia nin a xente de Ucraína que coñozco. Somos unha familia grande e o que está pasando está moi mal."

Inara naceu en Azerbaiján, criouse en San Petesburgo, leva en España 14 anos e dous meses na Coruña. Ela soa emprendeu esta iniciativa de recolleita de material humanitario.