Enlaces accesibilidad

A Orquestra Sinfónica de Galicia dedica os concertos do seu 30 aniversario ás vítimas da guerra en Ucraína

Por
30 aniversario da OSG

Unha liberación. Así define o director da Orquestra Sinfónica de Galicia ese intre no que, dende o escenario, todo ten sentido: "non tocamos para nós, tocamos para o público", explica cun sorriso Dima Slobodeniuk. Acaban de estrear no Auditorio de Cuenca Gemini, do compositor finlandés Esa-Pekka Salonen e ata o domingo repiten no Auditorio Nacional de Música, en Madrid.

É a primeira vez que esta peza se interpreta completa en España e aínda que as estreas son sempre especiais, o concertino Massimo Spadano explica que desta volta hai máis emoción porque o autor está vivo, vai escoitala e é amigo de Slobodeniuk.

Naceu en 1992

Os desta fin de semana son algúns dos 30 concertos cos que a Sinfónica celebra a súa trixésima temporada. Naceu en 1992. É unha orquestra grande, agora vemos sobre as táboas máis de cen músicos.

É unha orquestra grande, hai sobre as táboas máis de cen músicos

Deles, arredor de vinte levan case dende o principio. É o caso de Spadano, que dende hai 29 anos viu madurar o conxunto. "A orquestra medrou musicalmente e humanamente", di, "hai xente de practicamente todo o hemisferio: Australia, India, Austria, Francia, Alemaña, América, Rusia... é difícil xuntar distintas culturas, non só musicais, tamén maneiras de aproximarse a un discurso organizativo. Maduramos moitísimo", recoñece.

Tocar 300 anos de música

Spadano sente especial orgullo polo seu repertorio: "temos un abano moi amplo de cores, sabemos tocar trescentos anos de música co seu propio estilo, barroco, romántico, contemporáneo". Boa parte dos seus concertos están na rede, é unha das súas marcas. A canle en Youtube da Orquestra Sinfónica de Galicia foi creada en 2008 e acumula máis de 47 millóns de visualizacións practicamente desde todo o mundo. Hai visitas rexistradas dende Estados Unidos, América Latina, Corea do Sur ou Taiwan, entre moitos outros lugares. Cunhas 20.000 visitas diarias é a canle do sector máis vista en España e unha das máis visitadas de Europa.

Spadano conta que son coma abellas obreiras, "estamos todo o tempo traballando", acaba o ensaio e seguen practicando nas casas, "agora estou co repertorio de dentro de tres semanas".

Estes días interpretan tamén unha obra do compositor galego Fernando Buíde, Such Places as Memory. Nos ensaios previos contaba que o vivía como algo moi excitante, porque se percibe "a idea de dinamismo, enerxía e aceleración que eu tentaba transmitir" , creo que o público vai ser partícipe deso.

Dima Slobodeniuk

Dos últimos 30 anos, case dez pasaron baixo a batuta de Slobodeniuk, que tras esta temporada deixa de ser director titular. "Eu estou moi feliz aquí, da nosa conexión, case non temos que falar, é un feedback de enerxías".

Eu estou moi feliz aquí, da nosa conexión, case non temos que falar

Aportoulle frescura e disciplina ao grupo, din. Pero ningunha das partes pensa nunha despedida, porque seguirá traballando co conxunto como director convidado.

Embaixador de todos os compositores e públicos, Slobodeniuk explica que o noventa por cento do seu traballo é fronte á partitura, que "é só papel, a música é o que facemos no momento".

Slobodeniuk, nado en Rusia e fillo dun ucraíno, quere deixar tamén unha mensaxe sobre a guerra de Ucraína: "a guerra non pode formar parte da nosa vida". Hai trinta anos que non reside en Rusia, pero sostén que "se o país do teu nacemento está en guerra co país de nacemento de teu pai, é moi persoal, non ten que ver con política".

Se o país do teu nacemento está en guerra co país de nacemento de teu pai, (iso) non ten que ver coa política

O director mantén contacto con compatriotas seus e sostén que o que lle transmiten son comentarios sobre o "tranquilo" que está todo en Moscú pero sinala que "teñen información filtrada e construída para eles".