En camiño cara a fronteira de Ucraína nun autobús con axuda humanitaria e para traer refuxiados
- Un equipo de TVE Galicia viaxa a bordo, xunto a 7.000 kg de material, e virá de volta con 50 persoas
- O concello de Lalín sufraga o transporte e ofrece vivendas sociais, os veciños tamén ceden pisos e casas
- Sigue la última hora del conflicto entre Rusia y Ucrania en directo
O autobús fletado polo concello de Lalín con destino á cidade polaca de Rzeszow, na fronteira con Ucraína transporta sete mil kilos de produtos de primeira necesidade doados polos veciños en só tres días.
Van no maleteiro e entre os asentos, para aproveitar todo o espazo. E no punto de recollida próximo ao pavillón municipal queda outro tanto ou máis, que sae hoxe nun camión.
“Levan roupa de abrigo e comida precociñada, porque alí non poden cociñar“
María José Ferreiro, voluntaria da asociación Carabelo, que organiza a recollida de material, detalla o que precisan aló. “Levan roupa de abrigo e comida precociñada, porque alí non poden cociñar”. Ela a outros membros de Carabelo traballaron día e noite durante os últimos días para organizar a gran cantidade de produtos doados polos veciños.
Mulleres e nenos
Tamén preparan o necesario para cando cheguen de volta a Lalín as 50 persoas refuxiadas.
“A xente entregou comida, roupa de cama, roupa de nenos e de mulleres“
“A xente entregou comida, roupa de cama, roupa de nenos e de mulleres, porque o que veñen son mulleres con nenos que foxen da invasión rusa. Medicinas tamén nos trouxeron. Trouxeron de todo. A xente de aquí é moi solidaria", engade María José Ferreiro.
Xa os agardan en Lalín, onde serán acollidos. "O albergue de Mouriscade queda como un lugar de acollida e desde aí vaise organizar a saída cara os pisos. Hai catro vivendas sociais do concello que estamos poñendo a punto estes días. E ademáis hai un montón de casas e pisos de xente particular que as cedeu para isto", asegura Valentina Díaz, tamén desde a asociación Carabelo.
Seis días de estrada
O concello pontevedrés de Lalín sufraga os vintedous mil euros que custa a expedición deste autobús humanitario. Ás oito da tarde de onte partía entre o aplauso espontáneo de veciños. Estará de volta o domingo pola tarde.
A bordo vai un equipo de TVE Galicia, a xornalista, Matilde Vázquez, e a reporteira, Romina Caamaño. Comparten viaxe cos dous condutores, o xefe de Protección Civil de Lalín e outro equipo de televisión.
Por diante tres mil cincocentos kilómetros, ata a fronteira con Ucraína. Seis días de estrada, entre ida e volta, sen apenas paradas.