Enlaces accesibilidad

A caravana humanitaria fretada polo concello de Lalín prevé chegar esta noite á fronteira con Ucraína

Por
Autobús humanitario de Lalín a Ucraína

Segunda etapa da viaxe humanitaria entre Lalín e Polonia. Sen apenas paradas, só os descansos obrigatorios para os condutores, avanza o autobús que partiu o martes á noite de Lalín. Deixa atrás Francia e cruza Alemaña. Hoxe percorre os 1.400 kilómetros que o separan do destino, a cidade polaca de Rzeszow, para chegar á medianoite.

Ernesto nunca conducira tanto, “pero o meu traballo gústame, tiven a oportunidade e apunteime voluntario a isto"

"Teño saído moito, tamén polo estranxeiro, pero nestas circunstancias, non. É a primeira vez”, asegura Ernesto Prieto, un dos dous condutores do autobús, que habitualmente cobre o transporte escolar ou fai algunha viaxe discrecional con turistas por España e Francia. Recoñece que nunca conducira tanto, “pero o meu traballo gústame, tiven a oportunidade e apunteime voluntario a isto".

En camiño a Ucraína

Rzeszow

Ao chegar, o primeiro será descargar os sete mil kilos de material doado que enchen agora maleteiro e asentos. Principalmente, roupa de abrigo e medicinas. Farano durante a noite no Concello de Rzeszow e despois serán os servizos sociais desta cidade polaca os que o repartan.

Mañá pola mañá irán ao encontro do medio cento de refuxiados que xa foron asignados para voltar no autobús a Lalín, a metade deles nenos. Veñen coas súas nais ou con máis familiares.

Son cinco nenos de 0 a 5 anos, seis de cinco a dez anos. En total, dezaséis menores de quince anos, o resto son mulleres

“Dixéronnos que son cinco nenos de entre 0 e 5 anos. Seis de entre cinco e dez anos...en total uns dezaséis menores de quince anos e o resto son mulleres”, confirma Víctor Blanco, xefe de Protección Civil de Lalín que viaxa a bordo.

"A volta vai ser moi dura para eles"

“O que máis me preocupa é en que situación van estar e poder trasladalos da mellor maneira posible porque eles xa veñen cun cansazo tanto físico como emocional atrasado de todos estes días e de toda esta situación que están a vivir”, recoñece Víctor, que asume que “a viaxe vai ser dura para eles”.

Víctor fala a cotío con Janina, a muller polaca con vínculos en Lalín que é o seu contacto na fronteira da guerra. Ela confírmalle que todos os seleccionados para encher este autobús lograron xa cruzar a Polonia. Nas últimas horas había preocupación porque algún aínda estaba en Ucraína.

Agora agardan a súa chegada, dispostos a facer os 3.500 kiómetros a Galicia que os alonxarán das bombas rusas, pero tamén do seu país e de toda a vida que deixan atrás. “A volta vai ser moi dura”, asume o equipo que viaxa no autobús, dous condutores, o xefe de protección civil e dous equipos de televisión.