A axuda humanitaria levada dende Galicia chega á fronteira de Polonia con Ucraína
- As sete toneladas de carga foron entregadas nun centro de acollemento fronteirizo de Rzeszow
- A caravana, na que viaxa un equipo de TVE, volta cos 50 refuxiados que serán acollidos en Lalín
- Sigue la última hora del conflicto entre Rusia y Ucrania en directo
Xa é de madrugada cando o autobús fretado polo Concello de Lalín chega á fronteira con Ucraína, en Rzeszow. A temperatura é xélida, once graos baixo cero.
Coas primeiras luces todo un exército de voluntarios descarga os 7.500 kilos de material para axuda humanitaria nun parque de bombeiros próximo a cidade polaca de Rzeszow. Roupa de abrigo, medicinas e comida que doaron os veciños de Lalín.
Dez primeiros refuxiados
Simon é un deses voluntarios. En declaracións ao equipo de Televisión Española desprazado aló agradece a axuda e di que todo é pouco, porque aínda hai moita xente que espera ao outro lado da fronteira para escapar de Ucraína. Rusia estendeu hoxe o seu ataque cara o oeste, bombardeando unha zona próxima a Polonia.
As dez primeiras persoas que recollen aquí para viaxar a Lalín xa agardan. Son unha familia con cinco nenos, unha nai cunha filla de cinco anos e outra moza que viaxa soa.
“O seu alcalde dálles unha carta para o seu homólogo de Lalín e dilles que van para boa terra“
O alcalde entrégalles unha carta para o seu homólogo de Lalín e dilles que vaian tranquilas, que van para boa terra.
“Eu véxoos animados, contentos, agora mesmo véxoos ben”, asegura Víctor Blanco, xefe de Protección Civil de Lalín que dirixe a comitiva. “Eles estiveron acollidos en casas de amigos e familiares, ou en casa de xente que os acolleu sen coñecelos. Levan uns días aquí, uns máis e outros menos, pero vese que os trataron ben”.
Cracovia
Chega a hora da despedida, de subir ao autobus no que percorrerán os 3.500 kilómetros que os separan da súa nova vida en Galicia, en Lalín, un lugar que aínda non son capaces de ubicar no mapa.
A seguinte parada é en Cracovia, a 200 kilómetros de Rzeszow, xa en dirección a España, para recoller a outros 38 refuxiados. Esta noite dormirán nun albergue na cidade alemá de Frankfurt. E, se todo vai sobre o previsto, chegarán a Lalín o domingo pola noite.
En dezaséis días de guerra, máis de dous millóns trescentas mil persoas fuxiron de Ucraína, o sesenta por cento cara a Polonia.