Escasea o peixe polo amarre de boa parte da flota, pola carestía do combustible e das mobilizacións no transporte
- As dificultades de distribución afectan tamén a outros produtos, especialmente aos que chegan por vía marítima, como cereais
- Nos mercados segue habendo abundancia de carnes, froitas e verduras
O amarre de barcos polo prezo do gasóleo súmase a que boa parte dos camións están parados a consecuencia da mobilización no transporte. Isto provoca un desabastecemento de peixe, sobre todo fresco, que xa se empeza a notar nos mercados.
Lonxa de Vigo
As lonxas levan paradas dous días e nos mercados e nas granxas temen que se acabe o cereal que chega en barco. A lonxa de Vigo ofrece hoxe unha imaxe inusual, con dársenas pechadas e escasa actividade.
“Temos que alugar furgonetas e levar o peixe noso ao propio destino. Porque se non hai peixe, temos que ir para a casa“
Cargando está só un camión portugués que pretendía cruzar a fronteira por autoestrada para eludir os piquetes do paro do transporte. Daniel, de VigoAtlantic, di que a situación está "moi mal, temos que alugar furgonetas e levar o peixe noso ao propio destino. Porque se non hai peixe, temos que ir para a casa".
Baixa o prezo do peixe
Houbo poxa, pero o peixe baixou de prezo ante as dificultades de distribución. A empresa Transfrío Rías Baixas move de 30 a 40 camións ao día só na lonxa de Vigo. Entende as razóns do paro, pero tivo que aparcar a flota ante as ameazas dos piquetes. O mesmo pasa en portos coma Celeiro, Burela e Vilagarcía.
“Sabemos que está entrando peixe de importación en Barcelona, en Madrid, e que desde aí se distribúe a outros puntos“
Jorge Abal, director de Transfrío, quéixase da entrada de peixe noutros portos españois."Sabemos que está entrando peixe de importación en Barcelona, en Madrid, e que desde aí se distribúe a outros puntos. Porén, desde Galicia non se pode transportar. Ou paramos todos ou non para ninguén".
No Berbés 50 empresas comercializadoras están pechadas e 3.500 traballadores sofren un paro alleo.Piden que se habiliten corredores para os produtos perecedoiros.
Marisol Landriz Xerente da Asociación de Compradores de Peixe de Vigo (Acopevi) describe a situación. "Mercados centrais, plataformas e minoristas, onte e hoxe están desabastecidos. Non puidemos mandar un quilo de peixe".
A preocupación é máxima porque mañá subástase o peixe de tres barcos do Gran Sol para cubrir a demanda da celebración de San Xosé e non van poder atender aos clientes.