Enlaces accesibilidad

Uxía Senlle e Javier Ruibal: xuntos nun disco de homenaxe a Rosalía e Lorca, "De tu casa a la mía"

  • Un retrato musical de dous poetas universais, que tende pontes entre o norte e o sur
  • Este sábado, concerto de presentación en Santiago, o primeiro dunha xira que os levará por toda España

Por
Uxía Senlle e Javier Ruibal: Homenaxe a Rosalía e Lorca

"De Granada a Santiago, de Santiago a Granada. De tu casa a la mía, Federico y Rosalía". Así soa o retrouso da canción que abre o novo disco de Uxía e Javier Ruibal. Toda unha declaración de intencións. Conexión galaico-andaluza como a que protagonizan os dous cantautores, que son xa vellos colaboradores.

Agora unen as súas voces e talentos para musicar os versos de dous poetas universais, unha fusión de ritmos que tende pontes entre o norte e o sur.

Muiñeira e tanguillo

"Encontramos unha Rosalía por rumbas, mira ti que alegría, que seguro que se marcaría uns pasos de baile se o escoitase", asegura divertido Javier Ruibal.

A muiñeira e o tanguillo son exactos, só que se cantan noutra lingua e con outros puntos de inflexión

Rítmicamente ten moito máis que ver a música galega e a andaluza do que a xente cre. A muiñeira e o tanguillo son exactos, só que se cantan noutra lingua e con outros puntos de inflexión”. Uxía engade que "pensamos que había que deixar que fluíra o que cada un ten e tamén fusionar o norte e o sur rítmicamente, melódicamente. Hai cadencias melódicas que eu faría máis agalegadas e que aquí saen dun xeito máis sureño."

Lorca en galego

Chove en Santiago, meu doce amor. Camelia branca do ar, brila entebrecida ao sol”, arranca á guitarra e en galego o gaditano Javier Ruibal. Secúndao Uxía, aos pés da estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago. É un dos seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego.

Foi tras unha viaxe a Santiago hai agora xusto noventa anos e da que segue a estela este disco. Lorca sentía paixón por Rosalía.

As súas estatuas míranse agora, unha fronte á outra, na alameda compostelá. E unha ducia das poesías de ambos cobran vida en ‘De tu casa a la mía’.

Lorca e Rosalía son vixentes. Calquera poema que escolleramos da súa obra viría conectar cos días de hoxe

"Tanto Lorca como Rosalía son absolutamente vixentes. Entón calquera poema que escolleramos da súa obra viría conectar cos días de hoxe", afirma Uxía. "Somos dous seres moi metidos nas nosas respectivas músicas populares, tal cal Federico e Rosalía eran cos seus respectivos pobos. Tamén nos importan moito que os desherdados saian dunha vez da miseria. En fin, que coinciden moitas cousas", engade Ruibal.

Este sábado presentación ao vivo o disco, nun concerto no Auditorio de Galicia, en Santiago.

O primeiro dunha xira que os vai levar por toda España. Sobre o escenario, Uxía e Javier Ruibal estarán acompañados polos músicos Serxio Tannus, Marcos Teira e Quiné.