Enlaces accesibilidad

Carballo de Conxo, a segunda mellor Árbore Europea do ano

  • Con 168.000 votos, quedou a once mil da gañadora, outro carballo, o polaco de Dunin
  • Foi descuberto hai só cinco anos dentro do bosque que estivo pechado ao público durante máis de cento cincuenta

Por
Carballo de Conxo

O carballo de Conxo quedou ás portas de converterse na Árbore Europea do Ano. Acadou 168.234 apoios e quedou a só once mil do gañador. Trátase doutro carballo, un exemplar de Dunin, en Polonia, que con máis de 179 mil votos proclamouse Árbore Europea do Ano. Unha sobreira portuguesa quedou terceira.

Foi trala votación con máis participación na historia do certame. Sirva como exemplo que o gañador do ano pasado se fixo co título europeo con pouco máis de cen mil votos.

“Que me gustaba que gañase o de Conxo, si. Que non puido ser, mala sorte. Pero o bailado, bailado está. E o noso carballo de Conxo está aí de segundo”, admite emocionada Pilar Garazo, veciña do barrio compostelán que pasea todos os días a carón do carballo. Agradece os votos a todos os participantes.

Descuberto hai pouco

Con trinta metros de alto e case catro de perímetro, o carballo de Conxo rozou o ceo europeo coas pólas, pero non puido ser.

É unha fortuna porque está nun bosque aberto hai só cinco anos ao público, tras permanecer 150 anos pechado

“Houbo unha empatía moi grande por un carballo que foi descuberto hai moi pouco tempo”, destaca Quique Alvarellos, escritor, editor e un dos principais divulgadores da candidatura. “É unha fortuna situar así unha árbore dun bosque que se abriu hai só cinco anos ao público, tras permanecer 150 anos pechado.

É xa un símbolo dos bosques que deben permanecer coidados, respectados e dignificados no noso país

Que agora sexa a mellor árbore de España e a segunda mellor de Europa, ou o subcampión de Europa das árbores, sitúanos a este bosque, a Conxo, a Santiago e a Galicia como un símbolo no respecto e na resistencia, sobre todo do carballo. Este exemplar é xa un símbolo dos bosques que deben permanecer coidados, respetados e dignificados no noso país”, engade.

400 anos de antigüídade

As últimas estimacións calculan que ten arredor de catrocentos anos de antigüidade, 150 máis do que se pensou inicialmente. Grande en envergadura e en historia.

Á beira do río Sar, este carballo foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, un acto revolucionario que reivindicou os ideais da liberdade, a igualdade e a fraternidade. E tamén foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España.

Hoxe Santiago ten unha referencia máis, aparte da catedral e do apóstolo

“Hoxe Santiago ten unha referencia máis. Aparte da catedral e do apóstolo, o carballo de Conxo, tan vinculado a Rosalía e a toda a historia da cidade, pasa a ser un novo referente de Santiago”, asegura o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. Recoñece que, malia que lle gustaría “que se coroase esta campaña coa medalla de ouro”, serve para resaltar o extraordinario patrimonio natural da cidade.

A capital galega gañará case outros tantos carballos como votos. Cen mil se comprometeu a plantar o concello ata 2030.

E mentres, alleo a clasificacións e campañas, o avó da carballeira de Conxo bota estes días as primeiras follas da primavera nas súas pólas case núas tralo inverno. Igual que leva facendo durante os últimos catro séculos.