Enlaces accesibilidad

O CIQUS descubre un novo método para introducir fármacos no interior das células canceríxenas

  • Ese centro de investigación da USC estuda agora como aplicalo nos tratamentos médicos e farmacéuticos
  • Traballa en dez proxectos de referencia internacional, cun orzamento de 14 millóns de euros

Por
Investigación celular

O CIQUS está de aniversario, dez anos, que conmemoran os 180 investigadores que actualmente desenvolven nel o seu labor.

Hoxe é un centro de referencia en I+D, con dez proxectos de investigación de escala internacional. Dispón dun orzamento anual de 14 millóns de euros.

Destruír tumores

Pois precisamente Investigadores da Universidade de Santiago, biólogos e químicos, pertencentes ao CIQUS descubriron, xunto cun equipo alemán, un novo método para introducir fármacos no interior das células.

O método pode servir para introducir nas células canceríxenas un medicamento, a auristatina, que as mata

O descubrimento acaba de ser publicado na revista científica internacional Nature e agora terá que ser aplicado na investigación médica e farmacéutica. O investigador Javier Montenegro sinala que "xa demostramos que o método pode servir para introducir nas células canceríxenas un medicamento, a auristatina, que as mata".

Novo procedemento

O que descubriron é un novo procedemento para introducir elementos no interior das células, atravesando a membrana que as rodea e protexe.

É coma o aceite, que repele á auga, na que están disoltos a maioría dos medicamentos, pero eles lograron unha combinación de elementos que disimula os átomos desa auga e engana á membrana para pasar ao interior da célula.

Descubrimos que un cluster de bromo/boro era o máis adecuado para traspasar a membrana celular

Detállao Javier Montenegro: " Descubrimos que un cluster de bromo/boro era o máis adecuado para traspasar a membrana celular"

O seu descubrimento pode servir para transportar ao interior da célula calquera material pero non, de momento, material xenético.

A novidade ventaxosa é que o fai causando menos danos cós que se veñen usando ata agora.

Giulia Salluce, tamén investigadora do CIQUS, sinala que "o mecanismo que descubrimos permite tratar unha célula de forma máis delicada e menos letal para a célula "

O reto agora é que este procedemento sexa selectivo. No caso de tratamentos de cancro, por exemplo, que vaia só ás células tumorais. É o traballo pendente para que o resultado desta investigación chegue á consulta do médico