Enlaces accesibilidad

David Arcay, campión do mundo de pesca con mosca, fala da súa especialidade: a pesca sen morte

  • Con 31 anos, ten o récord de ser o ouro mundial máis novo da historia deste deporte
  • A pesca sen morte practícase en máis de 1.000 quilómetros de ríos galegos

Por
Catro veces campión do mundo de pesca con mosca

David Arcay é un dos mellores pescadores deportivos de todo o mundo. Este veciño da Coruña foi catro veces campión do mundo de pesca con mosca e o ouro mundial máis novo da historia deste deporte. Compartimos con el unha mañá de pesca neste inicio da tempada fluvial que comeza con incerteza pola falta de precipitacións no inverno.

Tetracampión do mundo

David percorreu o mundo pescando, de Nova Zelandia a Alaska, pasando pola Patagonia… pero un dos preferidos de David Arcay segue sendo o río Xallas, na Coruña. É o único río de Europa que desemboca directamente ao mar nunha fervenza, a famosa do Ézaro. Quedamos con el no couto sen morte Xallas-Beba. O caudal vai baixo e as aguas non están moi frías. Proba con mosca seca e aos tres lances, saca a primeira troita. E despois unha tras outra, que volven á auga.

Proba con mosca seca e aos tres lances, saca a primeira troita. E despois unha tras outra

"Son máis ben pequenas, pero demostra que ten moitas troitas este río e demostra que realmente é un couto sen morte e que funciona", asegura Arcay. Co caudal tan baixo é máis difícil de lograr unha grande, “desas de corenta centímetros que tiran moito e son moi combativas”.

Con dous anos

Con dous anos empezou a ir ao río con seus pais e súa irmá. Hai xusto dez, con 21, Arcay converteuse no primeiro español en gañar un mundial de pesca a mosca e no deportista máis novo da historia en logralo. Despois virían outros tres coa selección española. Leva seis anos consecutivos sen baixar do podio.

A pesca é un deporte non sempre xusto, é inxusto porque dependes de moitos factores externos

O obxectivo é volver gañar o mundial de forma individual. "Pero é moi complicado, a pesca é un deporte non é sempre xusto, é máis ben inxusto porque dependes de moitos factores externos", lamenta o pescador coruñés. “O tema do patrocinio e as subvencións está bastante complicado. É un deporte que o practicamos moita xente, pero estamos un pouco esquecidos”.

Crea o propio material

Para poder vivir da súa paixón, crea o seu propio material de pesca e véndeo por internet, a través da tenda online arcayfishing.com. Especializado na modalidade sen morte, que cada ano gaña terreo á tradicional. Por primeira vez Galicia supera esta tempada os mil kilómetros de río sen morte. Supoñen o 9% do total.

"Ten que ir cara a ese camiño nun futuro, sempre tamén preservando que poida haber sitios onde se poidan seguir collendo troitas para levar para a casa. Hai espazo para todos. Pero tamén hai que mirar moito polos que veñan atrás e se non coidamos agora os ríos, os que veñen atrás non van ter nada", sostén David Arcay, firme defensor da pesca sostible.

Tempada

En Galicia están federados para competir catro mil dos 41.000 pescadores fluviais. Recupérase o número de licencias previo á pandemia, pero son a metade que hai tres décadas. A tempada fluvial acaba de empezar e preséntase incerta tras un inverno seco. "Os embalses están baixos e os ríos tamén están baixos. A ver se temos un abril e maio chuviosos porque senón o verán creo que vai ser duro para o río", comenta con preocupación Arcay.

A ver se temos un abril e maio chuviosos, porque senón o verán creo que vai ser duro para o río

A fin de semana pasada proclamouse subcampión de España de pesca en lago. Agora deixámolo adestrando para a súa próxima competición: o campionato de España que se celebra a vindeira semana en Asturias. É un dos poucos títulos que aínda se lle resiste a este deportista coruñés que, a base de esforzo e talento, se move coma peixe na auga nos principais podios do mundo.