San Xoán de Río, o concello máis avellentado de Galicia, acolle a cinco familias ucraínas con nove menores
No colexio e no instituto de Trives crearon aulas para a inmersión lingüistica en español
A tres nais vanas contratar como coidadoras na residencia de maiores
A acollida de familias ucraínas que foxen da guerra pode ser unha gran oportunidade para que os concellos da Galicia baleirada gañen poboación. É o caso de San Xoán de Río, en Ourense, o máis envellecido da comunidade. Alí acolleron a cinco familias que están dispostas a quedar para comezar unha nova vida en paz.
Español
No colexio da Pobra de Trives crearon unha aula para a inmersión lingüistica de sete escolares ucraínos. E no instituto crearon outra para once adolescentes. En total, 24 horas á semana sácanos das clases para que aprendan español. "É importante que coñezan o idioma para estudar as materias con máis base cultural, como a Historia, os idiomas", di o director Francisco García.
Dos 18 menores ucraínos escolarizados en Trives, nove viven dende hai dúas semanas no antigo albergue de montaña de San Xoán de Río, un concello limítrofe situado a 15 kms.
As cinco nais tamén reciben clases de español dous días á semana para facilitar a súa integración.
“Creo que van aprender rápido, porque teñen moitas ganas e moita ilusión por aprender“
"Eles tamén buscan información en internet, creo que van aprender rápido, porque teñen moitas ganas e moita ilusión por aprender", sinala a educadora social Erika González.
Na clase contan coa axuda dun mozo ucraíno que chegou a España hai dezasete anos.
“Eu en tres meses, coa miña irmá, aprendimos o español. Nun colexio apréndese moi rápido“
"Eu en tres meses, coa miña irmá, aprendimos o español. Nun colexio apréndese moi rápido".
Nova vida
Unha das nais é unha economista que fuxiu de Kiev co seu fillo de tres anos. Como o perdeu todo gustaríalle quedar aquí para emprender unha nova vida en paz.
“Despois da guerra todo vai quedar destruído e precisamos quedar aquí para empezar de cero“
“Despois da guerra todo vai quedar destruído e precisamos quedar aquí para empezar de cero e para que teñamos a oportunidade de axudar aos nosos fillos e pais”.
Rexuvenecer o concello
A metade dos 500 habitantes de San Xoán de Río teñen máis de 65 anos, é o concello máis envellecido de Galicia.
Por iso ao alcalde lle gustaría que estas familias quedasen aquí para rexuvenecer o municipio.
"Eramos o concello de Galicia que menos inmigración tiña. Nós perdemos unha porrada de poboación e a que gañemos sempre é boa.
Nos tempos en que estamos tamén fai falta un pouco de multiculturalidade", di o rexedor Xosé Manuel Pérez Blecua.
Pepín, de 92 anos, tamén quere que se queden porque apenas hai nenos.
“Nós levámoslles dúas bicicletas case novas dos netiños“
"Nós levámoslles dúas bicicletas case novas dos netiños. Tamén temos unha pouca de roupa boa para levarlles", engade.
Atopar traballo
O futuro das familias ucraínas en San Xoán de Río dependerá de que consigan emprego. A tres nais vanas contratar como coidadoras na residencia de maiores e outro dos adultos, Roman, vai estar quince días a proba nun este taller situado a catorce quilómetros, en Castro Caldelas. El puido saír de Ucraína porque é pai de catro fillos.
"Quero traballar para ser un pouco independente. Dame vergoña estar sen traballar. Os españois estanme axudando, tráenme comida e roupa. Teño que traballar para axudar á miña familia", manifesta,
O dono do taller é un inmigrante búlgaro que fala algo de ruso, lingua que tamén entende Roman.
O albergue ten ten sete hectáreas de terreo que as familias que se dedicaban agricultura e á gandería en Ucraína poderán aproveitar para botar patacas, montar un invernadoiro e criar porcos e pitas.