Un século de influencia do Surrealismo no deseño, na arte e na arquitectura
- Obras de Dalí, Man Ray e de Chirico na exposición "Obxectos de desexo"
- Autores contemporáneos constantan a vixencia do movemento artístico nacido en 1924
"Obxectos de desexo" é unha das antoloxías máis sobranceiras deste movemento, con obras icónicas de Salvador Dalí, Man Ray ou Le Corbusier. Tras visitar Madrid, Barcelona e Sevilla, recala na Cidade da Cultura, organizada pola Xunta, a fundación La Caixa e o Museo Vitra de Alemaña.
300 pezas
Son case trescentas pezas, auténticos obxectos de desexo, que exploran o idilio entre arte surrealista e deseño, desde que comezou oficialmente en 1924, co manifesto do surrealismo de André Breton, e que segue vixente un século despois.
“Como o Surrealismo se foi coando no deseño, no mundo dos obxectos, ata configurar o mundo que nós coñecemos“
O educador da Cidade da Cultura Miguel Ángel Cagigal subliña a importancia da mostra. "É un percorrido completo por toda a influencia do Surrealismo no deseño, na arte e na arquitectura.
Temos obras de grandes creadores como Dalí, Man Ray, Meret Oppenheim, que nos permiten ver como a maneira de traballar do Surrealismo se foi coando de forma case natural no deseño, no mundo dos obxectos, ata configurar o mundo que nós coñecemos".
Un cabalo a tamaño real convertido en lámpada, unha mesa con rodas de bicicleta no canto de patas, un apetitoso anel con azucre a modo de diamante ou o famoso ferro con cravos de Man Ray, obxectos cotiás subvertidos para desafíar a lóxica.
Obsesións e ideas de talentos como Le Corbusier ou Giorgio de Chirico plasmados en cadros, esculturas, fotografías, revistas, moda, cine, mobiliario que proceden na súa maioría do Vitra Museum de Alemaña.
A primeira vez en Galicia
"Esta exposición é unha oportunidade única de ver obxectos que nunca estiveron en Galicia e de xente que nunca tivo obra exposta en Galicia.
Ademáis, colaboramos cun dos mellores museos de deseño do mundo, senón o máis importante, o Vitra Museum", di Miguel Ángel Cagigal.
A mostra está aberta ata o 28 de agosto, no museo da Cidade da Cultura, con entrada de balde. Despois, viaxará a Londres.