Xosé Vizoso, man dereita de Díaz Pardo en Sargadelos, expón cerámicas, pinturas e portadas de libros
- Durante corenta anos foi o deseñador estrela da fábrica de Cervo
- A mostra está aberta en Buño, como parte do proxecto dunha retrospectiva do artista mindoniense
O Ecomuseo Forno do Forte de Buño, en Bergantiños, acolle unha exposición de Xosé Vizoso, preámbulo do que será unha gran retrospectiva. Pinturas sobre o entroido, debuxos sobre o traballo do barro, pezas de cerámica representativa de Sargadelos e libros, unha mostra das 300 portadas que o autor fixo para Ediciós do Castro.
“É moi bo para un país coma Galicia botar unha ollada a toda unha obra tan enorme“
"Eu creo que é moi bo para un país coma Galicia botar unha ollada a toda unha obra tan enorme, tan multidisciplinar e sobre todo tan brillante coma a que el fixo", di o comisario Aser Álvarez.
Conta Xosé Vizoso, tamén amigo íntimo de Luis Seoane, que naceu co lapis na man. Esta pequena mostra é un avance do amplo recoñécemento que se busca para Vizoso. "Dicía Pepe Neira Vilas que hai galiñas que poñen un ovo, cacarexan e todo o mundo se entera, e hai troitas que poñen milleiros de ovos no río pero como non fan moito ruído, ninguén se entera deso", conclúe Aser Álvarez.
Díaz Pardo
Xosé Vizoso foi ilustrador, escultor, pintor e ceramista, ao que lle veñen as palabras facilmente cando recorda a Isaác Díaz Pardo, con que traballou man con man durante corenta anos, a súa longa etapa de deseñador estrela en Sargadelos.
"O tratamento que tiña coa xente, cos obreiros e con todos. Queríano moito porque realmente se facía querer, era algo irrepetible", rememora Vizoso.
Esta mostra está aberta ata finais de xuño.