Enlaces accesibilidad

Un grupo chinés proxecta unha fábrica de pneumáticos nas Pontes que crearía 750 empregos directos

  • Sentury Tire, que compromete 500 millóns de euros, espera polos permisos administrativos
  • Suporía a recuperación económica da comarca, moi mancada polo peche da central térmica

Por
Fábrica de rodas para As Pontes

Logo de medio século funcionando e dando emprego e riqueza, a central térmica acaba de pechar polo proceso de descarbonizacion. O seu oco podería cubrirse co desembarco do importante investimento chinés: 500 millóns de euros, que crearían 750 postos de traballo directos.

O grupo Sentury Tire elixiu As Pontes para instalar a súa futura fábrica de pneumáticos con certificado verde, a única do seu tipo en Europa.

É moi necesaria polo peche da nosa térmica, é moi necesaria para a economía da comarca

Mónica Carballeira, da Asociación de empresarios A Seara considera a a fábrica "moi necesaria polo peche da nosa térmica, porque hai oportunidades de negocio na zona, porque temos recursos, sobre todo naturais. É moi necesaria para a economía da comarca".

A fábrica estaría ben comunicada co porto exterior de Ferrol, repercutindo no sector do transporte e noutras industrias auxiliares. Sería tamén cliente da futura planta de hidróxeno que prevé construir Endesa.

Conseguir os permisos

O proxecto vai pouco a pouco vendo a luz, como explica o alcalde, Valentín González Formoso. "A parte dificil esta feita, que era a decision do grupo de instalarse nas Pontes, a outra parte dificil, os recursos económicos, esta resolta. Queda a mais facil que neste pais e a mais dificil: conseguir os permisos coa axilidade suficiente para non poñer en risco un proxecto que pode resolver o futuro laboral de miles de familias".

A parte dificil está feita, a decision do grupo de instalarse nas Pontes e ter os recursos económicos

Mentres, nas rúas das Pontes os veciños agardan a fábrica chinesa, cuha mistura de ilusión e escepticismo.

Trátase dun dos maiores investimentos que Galicia pretende captar para os próximos anos, por tamaño e por impacto. O proxecto inclúese nos plans de transición enerxética do Goberno.