Enlaces accesibilidad

O mítico Alpinche de Estanislao Reverter volve funcionar logo de 47 anos, tras unha traballosa restauración

  • O coche do piloto ourensán (1929-1991) era único do mundo, porque o inventou o propio Reverter
  • Construíuno coa carrocería lixeira do Renault Alpine e a potencia do motor Porsche

Por
Restauran o mítico Alpinche

O coche acabado de restaurar volveu ás rúas do centro de Ourense para a súa exhibición en sociedade. Conducilo agora era unha experiencia única para o expiloto de rallys Jorge “Rantur”: “É unha sensación especial porque teño andado en moitos coches de rally, pero como este ningún, o que rodea ao coche, a historia que ten”.

Anos 70

O coche mandárao construír Estanislao Reverter a principios dos anos setenta para correr nas mellores probas de España e pasou a ser coñecido popularmente como o Alpinche, porque fora feito con carrocería Alpine e motor Porsche. Con el gañaría dous rallys das Rías Baixas e a subida a Manzaneda. Quedou terceiro nun campionato de España.

A gran potencia do motor dentro dunha carrocería lixeira facía que o coche facilmente se levantase do asfalto, o que motivou correccións construtivas.

Era un coche que tiña moita potencia para a época e nas zonas moi rápidas era complicado conducilo

Beny Fernández foi o piloto que conduciu a quinta e última versión mellorada do bólido. Destrozouno nun accidente en 1975 e o Alpinche xa non volveu competir. “Era un coche que tiña moita potencia para a época e nas zonas moi rápidas era complicado conducilo”.

Reconstrución

Os fillos do que é considerado o pai do automobilismo galego, falecido en 1991, reconstruírono a partir dos restos que se conservaban. A carrocería, o volante e o cadro de mandos son os orixinais. Os traballos duraron sete anos. O asesoramento dos antigos construtores foi fundamental para a súa restauración. Todos lembran con emoción aqueles tempos, como José Luis Díaz, electricista do primeiro Alpinche.

"Foi complicado (construílo), pero foi emocionante ao mesmo tempo. Estar a carón do "doutor" era unha marabilla, porque non había forma de engañalo."

Estivo sempre na vangarda do seu deporte, sempre ideando cousas, sempre inventando

Reconstruír o Alpinche era o soño de Reverter. O seu fillo Luis, presidente da Fundación Estanislao Reverter, lembra que seu pai "foi un dos partícipes da construción do circuíto do Jarama. El estivo sempre na vangarda do seu deporte, sempre ideando cousas e sempre inventando."

O coche quedará exposto na Fundación, na vella estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo.