Enlaces accesibilidad

Julio, invidente, sobe por vez primeira a un autobús con Rico, o seu can guía

  • Hai anos impedíronlle facer o mesmo con outro porque entenderon que o levaba con arnés por ser perigoso
  • En Galicia hai 36 destes animais adestrados para favorecer a mobilidade e a autonomía das persoas cegas

Por
Cans guia

Hoxe celébrase o Día Internacional do Can Guía, no que a Fundación Once quere lembrar que con eles poden acceder a calquera medio de transporte público. Para iso, hoxe sacou á venda cinco millóns de cupóns, con este tipo de animais coma protagonistas.

No autobús

E hoxe Julio Masid sobe por vez primeira a un autobús acompañado de Rico, de raza labrador, compañeiro inseparable dende hai sete anos. Non o fixera antes, porque adoitan ir a pé a todas partes.

Para ser a primeira vez, o can traballou bastante ben, botouse aos meus pés, non se moveu

Julio explica esta primeira experiencia. "Para ser a primeira vez, o can traballou bastante ben. Sentei e o can portouse moi ben, botouse aos meus pés, non se moveu. O can portouse perfectamente no autobús".

Colleron o autobús para ir a unha armería a mercar uns anzois para pescar.

Con ir tres veces a un sitio novo, Rico xa sabe volver

Con ir tres veces a un sitio novo, Rico xa sabe volver. Para salvar os obstáculos sempre vai á esquerda de Julio, para ter o ombreiro dereito como referencia. "Se quero ir a un sitio novo, ao el nunca foi, teño que ir dirixindo o can como unha persoa dirixe un coche. Se ve que pasa o ombreiro ante un obstáculo, pasamos os duos".

Primeiro cego con can

Julio foi o primeiro cego de Ourense en ter un can guía, unha figura descoñecida para moitos hai anos. Ese descoñecemento provocou que hai vintecinco anos lle impedisen subir co can a un autobús. "O can marcárame o paso para subir ao autobús, pero o condutor pechou as portas, case llas engancha ao can. E largouse.

Había xente que non pasaba ao meu carón porque pensaban que o can mordía

Vían un can con correas e non pensaban que fose un can guía, senón un can perigoso. Ata había xente que non pasaba ao meu carón porque pensaban que o can mordía".

Os cans guía son os ollos das persoas cegas. Dan traballo e custa mantelos, pero grazas a súa compaña, as persoas invidentes gañan en autonomía. En Galicia hai 36 destes animais.

Antes de Rico, Julio viviu sete anos con Xiamba e once con Upa, a súa cadela preferida. Antes deles, movíase cun bastón.