Enlaces accesibilidad

'La ladrona de huesos', novela de Manel Loureiro sobre o roubo dos restos do Apóstolo

  • Hoxe chega ás librarías a oitava novela do exitoso escritor pontevedrés
  • Roubos imposibles, reliquias, espías rusos e misterios no Camiño de Santiago

Por
'La ladrona de huesos', thriller xacobeo de Manel Loureiro

Laura, a protagonista, debe facerse co botín que hai ben custodiado no corazón da catedral de Santiago, na cripta baixo a capela maior, se quere volver ver con vida á súa parella, desaparecida sen deixar rastro durante unha cea romántica.

O escritor pontevedrés Manuel Loureiro conta como, na súa etapa de estudante de Dereito en Compostela, atallaba polo ábside do templo para atravesar da praza da Inmaculada á de Praterías nos días de chuvia.

O botín

Sempre me xurdiu a dúbida de que pasaría se alguén quixera roubar un patrimonio simbólico das crenzas de Occidente

Dinme conta de que o patrimonio artístico e cultural que está nas igrexas moitas veces non ten as medidas de seguridade que pode ter un museo. E sempre me xurdiu a dúbida de que pasaría se alguén quixera facerse con eses ósos, roubar un patrimonio que fose simbólico das crenzas de Occidente”, explica Manel Loureiro mentres percorremos os corredores da catedral, da que hai uns anos fora extraído o Códice Calixtino.

“Aí é onde xurde o inicio de ‘La ladrona de huesos’. Parecíame que era o punto de partida perfecto para contar unha historia que é un ‘thriller’, unha novela frenética e electrizante, na que se trata de que o lector pase páxinas sen parar ata chegar ao final”.

Que eu saiba nunca se contara antes unha historia de espías, un ‘thriller’ ambientado no Camiño

Laura só dispón de sete días para facerse coas reliquias do santo. Unha semana na que vai recuperando a memoria perdida tras sofrir un brutal atentado, mentres se infiltra como peregrina no Camiño francés entre o Cebreiro e Santiago. “O camiño de Santiago dá para moitas novelas. Xa se contaron moitas historias, pero sempre desde a perspectiva histórica da ruta xacobea, costumbrista.Que eu saiba nunca se contara antes unha historia de espías, un ‘thriller’ de roubos imposibles, de misterios e enigmas, ambientado no Camiño e que remata aquí na catedral”, sostén o escritor.

Espía rusa

Demóstrase unha mentalidade paranoica da antiga Unión Soviética, que herdou a Rusia de hoxe, de enfrontamento perpetuo con Occidente

Nunha obra anterior, ‘Veinte’, anticipou unha pandemia mundial. E agora Manel Loureiro volve facelo: a actualidade cóase na súa novela pola conexión da protagonista co espionaxe ruso. “É unha casualidade. Cando eu estaba escribindo ‘La ladrona de huesos’, o conflicto ruso ucraíno nin sequera existía. Pero sí que é verdade que isto o que vén a demostrar é algo que se conta aquí neste libro: esa mentalidade un tanto paranoica da antiga Unión Soviética, que herdou a Rusia de hoxe, de enfrontamento perpetuo con Occidente”.

Oitava novela

Tres anos leva traballando nesta oitava novela, que hoxe sae á venda cunha tirada de cincuenta mil exemplares.

Consolidado como autor de éxito, o pontevedrés é dos poucos españois que coloca os seus libros entre os máis vendidos en Estados Unidos. “É un orgullo e unha responsabilidade”, asegura Loureiro. “E demostra que podemos contar unha historia nosa, desde aquí desde Galicia, que resoe en todo o mundo”.