Enlaces accesibilidad

90 proxectos sobre economía circular en "Galiciencia", a feira científica para escolares

  • Un líquido contraincendios e un fungo que degrada as máscaras cirúrxicas para que non contaminen, entre as iniciativas
  • 200 escolares de 37 centros participan na cita anual, no parque tecnolóxico de Ourense, ata o venres 13

Por
Galiciencia

A Galiciencia regresa de xeito presencial ao Parque Tecnolóxico de Galicia logo de dous anos realizándose en formato online por mor da pandemia.

Economía circular

Os traballos de investigación presentados polos escolares tratan sobre a economía circular, o tema ao que está dedicada a feira científica deste ano. Coma exemplo de economía circular, o creador de Galiciencia, David Ballesteros, presenta un líquido especial que vai revolucionar os sistemas antiincendios porque é inocuo para o medio ambiente; tampouco dana os aparellos electrónicos.

Reutilicemos máis as cousas, aproveitemos mellor os recursos e con máis racionalidade, como facían os nosos avós

"Temos que ir a modelos económicos nos que a economía sexa circular, o que di o nome, que reutilicemos máis as cousas, aproveitemos mellor os recursos e con máis racionalidade, un pouco o que facían os nosos avós”, di David Ballesteros.

90 proxectos

Nesta edición da Galiciencia participan máis de douscentos escolares de 37 centros educativos. Presentan noventa proxectos para reducir o impacto das actividades económicas e sociais no medio natural ou para mellorar as nosas vidas.

Catro estudantes ourensás de secundaria investigaron o uso dun fungo para degradar as cabichas que tiramos e as máscaras cirúrxicas que aínda usamos de cando en vez pola pandemia., como explica Ariadna Gómez, estudante de 4º de ESO. "Fixemos dous experimentos: o primeiro no que cortamos as máscaras en anacos máis grandes e no que se pode observar que a degradación da máscara non é moi grande e un segundo no que cortamos as máscaras en anacos moitísimo máis pequenos e no que poidemos observar que en moi pouco tempo o fungo medrou e que se está descompondo a máscara".

Dúas estudantes de secundaria de Santiago propoñen ter nas casas, nos colexios e nos institutos bonecas de reanimación cardiopulmonar para aprender a salvar vidas.

María Lama tamén estuda 4º de ESO: "É moi económica, custa só 56 euros todo, polo tanto producila en masa é moito máis barato. Ademais, as pilas son recargables, entón non hai ese gasto a maiores".

Un centro de FP de Vigo aposta por construír xoguetes, en vez de con plásticos sintéticos, cun polímero feito a partir de produtos naturais como a maizena, o vinagre, a auga e a canela.

Sheila Piedras, estudante de FP: "Se a glicerina é alimentaria e o colorante tamén, se o levan á boca non produce ningún tipo de toxicidade nin de problema, o bo que ten este plástico é que na natureza degrádase”.

O traballo gañador obterá como premio 1.000 euros para participar na feira científica máis importante de España que se celebra en Barcelona.