Enlaces accesibilidad

A. Montero: 'Delgado Gurriarán é o único que fai poemas de denuncia dos que rexeitan o galego, durante a República'

  • Entrevista ao gran coñecedor do poeta homenaxeado no día das Letras Galegas
  • Aos 94 anos, publica a antoloxía Poeta na terra, na guerra e no exilio

Por
Delgado Gurriarán por Alonso Montero

A obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, nado en Valdeorras en 1903, recóllese en catro libros, Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro e Cantarenas. Ademais de traducións de poesía inglesa e francesa, Gurriarán colaborou en numerosas revistas e foi codirector de 'Vieiros' no exilio mexicano. Faleceu en 1987.

A súa vida estivo marcada polo exilio e o compromiso coa lingua e Xesús Alonso Montero, académico, polígrafo, profesor e ensaísta, ven de publicar a antoloxía do autor valdeorrés Poeta na terra, na guerra e no exilio. Rita Alonso conversa con el, na casa do catedrático en Vigo.

Valdeorras e o galego

-Como son esas etapas poéticas que van unidas á súa liña de vida que vai de Valdeorras, ao exilio en México pasando pola ferida que lle ocasiona a guerra?'

- A primeira etapa é unha etapa bifronte. El escribe sobre as cousas da súa comarca. Non da patria, senón da súa pequena patria. Da matria. Esas cousas son o río Sil, os castiñeiros, os viñedos... Pero este poeta das cousas é ao mesmo tempo poeta das causas, das causas que teñen que ver cos problemas de Galicia. Un deles era a problemática lingüística. De aí que hai que destacar forzosamente un capítulo da súa obra que son os poemas sociolingüísticos, aqueles poemas nos que trata de denunciar a ridiculez dos que falan o castrapo, daqueles que rexeitan o galego. Esta poesía sociolingüística só a fai el no período da República en Galicia.

Poeta civil

- E do seu compromiso coa terra, do seu compromiso político saen eses poemas que vostede chama 'belixerantes'.

- Porque, aparte de ser un poeta das cousas, era un poeta das causas. De feito é unha gran musa civil, un dos grandes poetas cívicos que deu Galicia. O mesmo fai unha sátira contra Franco ou contra Don Juan, o pai do que hoxe chaman Rei Emérito, que fai una sátira contra aqueles que utilizan o castrapo e son desleigados coa causa da lingua galega.

-Que destacaría da vida e a obra de Florencio Delgado?

-Destacaría que el foi un defensor da lingua galega antes de coñecer o galeguismo e os galeguistas. El vai ser, ante persoas moi pouco expertas no dominio literario da lingua galega, o asesor, o corrector, o aconsellador. É o lingüísta en México e, nese sentido, o seu valor é verdadeiramente impagable. E logo el, polo seu carácter, é un home aglutinador. Aglutina os comunistas cos galeguistas, cos socialistas, para faceren obras literarias, intelectuais, políticas, en favor da causa de Galicia. El vai estar en todas estas empresas colectivas, a revista 'Saudade' no ano 42, a revista 'Vieiros' nos anos 50 e 60, o 'Cancioneiro da Loita Galega', que o ideou, que o deseñou, que o organizou e que o dirixiu el. Nese sentido é impagable o que el ten tamén de carácter para aglutinar en nome do ben común.