Enlaces accesibilidad

A falta de camareiros e cociñeiros pon en risco a tempada de verán na hostalaría

  • Os empresarios do sector teñen dificil atopar persoal, sobre todo das categorías máis cualificadas
  • Hai agora 66.000 camareiros, dous mil menos que antes da pandemia

Por
Faltan camareiros

O restaurante ‘A Moa’, na emblemática rúa de San Pedro, ás portas do casco antigo de Santiago, tardou meses en atopar un cociñeiro e un camareiro. Aínda agarda por outro cociñeiro para reforzar o seu cadro de persoal, que compoñen doce persoas.

Ou non me chegaba ningún candidato ou os que me chegaban non me valían porque non era xente con experiencia

“Ou non me chegaba ningún candidato ou os que me chegaban non me valían porque non era xente con experiencia. Deime conta de que isto vai ser moi duro. De feito tivemos que pechar os martes porque non tiña suficiente xente en cociña para dar un servizo de calidade. Nunca me pasara en dez anos que levo neste restaurante”, asegura Manuel Fernández, xerente deste coqueto local de comida galega cunha elaboración sofisticada.

Manuel ofrece contrato a xornada completa e un salario por riba do que establece o convenio. E asegura que no seu restaurante respectan escrupulosamente as corenta horas de traballo semanal.

Aquí ofrécenme moi boas condicións”, sostén Andrea, unha das últimas en incorporarse á cociña. “Vin que o equipo de traballo era moi bo, moi dinámico, e prefiero vir para aquí porque vou aprender moito máis”, sostén, aínda que admite que non en todos os establecementos é así e que marchou do traballo anterior porque non lle pagaban.

A pandemia

En Galicia hai agora uns 66.000 camareiros, dous mil menos que en abril de 2019, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Trala pandemia, agravouse a falta de traballadores que sofre o sector desde hai anos.

Moitos dos empregados que eran fixos discontinuos, que viñan reforzar no verán, pasaron a outros sectores

“Moitos dos empregados que eran fixos discontinuos, que viñan reforzar no verán, pasaron a outros sectores, reinventáronse e agora están traballando noutras áreas”, explica Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostelería Compostela. Cre que agora non queren volver á hostalaría “porque é un traballo moi difícil para a conciliación familiar, porque traballas as fins de semana e os festivos. E ademáis hai unha reputación que ten o sector, e que non é xusta, de ter longas xornadas laborais”. Defende Thor Rodríguez que os locais de hostalaría están evolucionando nese sentido, pechando antes as súas cociñas “para poder manter as xornadas laborais legais e tratar de conseguir unha mellor conciliación familiar”.

Formación

O CIFP Compostela oferta tres ciclos medios e outros tres superiores vinculados á hostalaría. Nas aulas onde se forman durante dous anos os futuros camareiros e cociñeiros atopamos a Desirée Santiago. Tras oito anos traballando como camareira, este curso matriculouse no ciclo de cociña e gastronomía.

Quería aprender para ter mellor saída profesional e poder traballar en sitios mellores e cobrar máis

“Quería ter unha formación teórica e aprender para ter mellor saída profesional e poder traballar en sitios mellores e cobrar máis”, asegura manga pasteleira en man mentres elabora unha apetitosa sobremesa. “A xente que coñezo que saiu deste centro, todos saíron con bos traballos e con bo horario, non facendo unha morea de horas”. Daniel Alfonso, tamén alumno de cociña, di que “é o que quería ser desde pequeno e aquí danme a posibilidade, así que estou moi contento”.

A cociña está tendo moito recoñecemento laboral e social nos últimos anos, con grandes chefs que se converten en ídolos, así que non temos problema para completar prazas”, asegura o director do centro, Ramiro Esparís. Lamenta que “na sala non hai eses referentes e chegamos peor aos alumnos.

Ogallá houbera un ‘Masterchef’ de camareiros para darlle á sala o prestixio e recoñecemento que precisa

O ciclo de servizos sempre ten menos demanda. Ogallá houbera un ‘Masterchef’ de camareiros para darlle á sala o prestixio e recoñecemento que precisa”, bromea Esparís.

Sempre hai a típica frase que che din: para ser camareira non fai falta estudar, e iso é o que quero cambiar

“Sempre hai a típica frase que che din: para ser camareira non fai falta estudar, e iso é o que quero cambiar”, dinos Lucía Rilo, unha das alumnas do ciclo de servizos e restauración.

Desde hai moitos anos a inserción laboral destes alumnos de hostalaría é do cen por cento. “Pero agora estamos totalmente desbordados polas necesidades do sector. Non damos cuberto tanta demanda de profesionais que nos chega, sobre todo desde setembro do ano pasado” admite Ramiro Esparís.

Por iso, o vindeiro curso o CIFP Compostela aumentará 75 prazas máis de formación profesional dual, en colaboración coas principais empresas do sector, para dar resposta á demanda de traballadores cualificados.

Ás portas do primeiro verán trala pandemia, coa prórroga do Xacobeo e a previsión de que cheguen milleiros de turistas a Galicia, a falta de persoal é xa un problema grave para os hostaleiros.