Unha semana para "O Son do Camiño": tres días de concertos con 40 artistas e 120.000 asistentes
- Ultimánse os preparativos do maior dos festivais galegos, este ano cun terceiro escenario e máis espazos
- As entradas están esgotadas e non hai cuartos libres en Santiago e a súa contorna
O Son do Camiño celébrase do 16 ao 18 de xuño, de novo co gran formato, tras dous anos de ausencia pola pandemia.
Montaxe
A unha semana de que arranque, no Monte do Gozo traballan sen descanso varios centos de operarios. Levan case mes e medio montando toda a infraestrutura.
“Están montando o escenario principal, que é un dos máis grandes que se monta na Península“
“Un 85% da infraestructura está montada e están empezando xa a montar a decoración", sinala Ángel Piñeiro, produtor artístico do festival. "As barras xa teñen unha gran parte avanzada e están montando tamén o escenario principal, que é un dos escenarios máis grandes que se monta na Península”. Ese escenario mide 36 metros de frontal e 18 metros de altura.
É o equivalente a un edificio de oito andares, sobre o que pasarán cada día sete artistas. Esta edición suma un terceiro escenario e máis espazo para o público e os postos de comida.
12 horas diarias de música
Serán doce horas diarias de música con case cincuenta artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, como C. Tangana, Liam Gallagher, Chemical Brothers, Sebastian Yatra ou Anuel.
“Unha oferta que non é común aquí, e iso é o que ao final intentamos facer: achegar xiras mundiais“
“É unha oferta é moi variada, para todos os públicos, toda esa xente que pode ter 2, 3, 4 ou 5 artistas que lle gusten, sempre pode atopar algún que outro que en directo lle poida sorprender. Unha oferta que non é común aquí, e iso é o que ao final intentamos facer: achegar xiras mundiais ou xiras que son complicadas de ver”, sinala Angel Ángel Piñeiro, o produtor artístico do festival.
120.000 persoas
Un recinto ampliado que acollerá a máis de 120.000 persoas durante tres días de concertos, unhas 42.000 por día, e que van encher tamén os hoteis de Santiago e mesmo doutras cidades e vilas próximas. Case non quedan habitacións desde hai semanas.
“É posible que haxa (habitacións libres), pero cuns prezos desorbitados“
“É posible que haxa, pero cuns prezos un pouco desorbitados. Ao mellor algunha en algunha categoría de 5 estrelas, pero o resto está todo completo”, indica Carlos Regueiro, da Asociación Hostelería Compostela.
As entradas para O Son do Camiño están esgotadas.