Enlaces accesibilidad

Galicia ten 15.000 vivendas de uso turístico habilitadas pola Xunta, que algúns concellos queren frear

  • Apartamentos céntricos, de deseño e ben equipados son os máis solicitados

Só 36 dos 700 aloxamentos deste tipo que hai en Santiago teñen licenza municipal

Por
Vivendas turisticas

Vivenda tipo

Apartamento céntrico, de deseño, con capacidade para cinco persoas, por entre cen e cento cincuenta euros a noite, segundo tempada. Visitamos unha vivenda de uso turístico que se anuncia así nos portais de internet. É unha das setecentas que operan en Santiago coa licenza da Xunta.

Ben xestionada, podes gañar o dobre que cun alugueiro tradicional

“Se está ben xestionada, podes gañar o dobre que cun alugueiro tradicional. É certo que o alugueiro turístico non ten ningunha vantaxe fiscal, que si ten o tradicional, e que require máis traballo, pero ten máis rendemento”, sinala Óscar Soneira, propietario dunha vivenda de uso turístico na capital galega e directivo da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga).

Legalidade

Unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou a pechar un destes aloxamentos por carecer de licenza municipal. Só unha trintena das setecentas rexistradas en Santiago teñen esta habilitación, segundo o Concello. O resto, asegura, teñen que pechar e xa abriu 350 expedientes de disciplina urbanística.

A Xunta non podería estar inscribindo unha actividade económica que precisa desa licenza

“Para nós está clarísimo. A Xunta de Galicia non podería estar inscribindo, como así o fixo durante moitos anos, unha actividade económica que precisa desa licenza e que é imprescindible aquí e en calquera sitio”, indica Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo de Santiago.

Pero desde Aviturga rebaten esa postura. Defenden que abonda coa inscrición no rexistro autonómico, creado en 2017, e critican o intento de sentar xurisprudencia en base a cuestións particulares.

Temos outras sentenzas a favor das vivendas de uso turístico dictadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Xurisprudencia só sentan as sentenzas do Tribunal Supremo. É certo que é unha referencia importante, pero xa temos outras sentenzas a favor das vivendas de uso turístico dictadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, di Óscar Soneira.

O Concello de Santiago aprobará antes de que remate o ano unha modificación do seu plan de urbanismo para limitar as vivendas de uso turístico a baixos ou primeiras plantas de edificios residenciais e fóra do casco histórico. O que si permitirá é o alugueiro vacacional un máximo de dous meses ao ano, como economía colaborativa. É o que fai a familia de Beatriz Torres. Xa ten un piso non ensanche compostelán e agora está reformando outro para alugalo a estudantes durante o curso e a turistas en xullo e agosto. “Ningún estudante quere un piso durante doce meses ao ano, quéreno dez meses. O que viamos é que os dous meses de verán eran perdidos. Así que cando apareceu a posibilidade da vivenda de uso turístico pareceunos unha oportunidade”, asegura Beatriz Torres. Esta propietaria agarda a que o concello publique a nova normativa para dar de alta o segundo piso e confía en poder seguir operando co primeiro.

Sanxenxo e Santiago

Santiago é o segundo concello galego con máis aloxamentos deste tipo, despois de Sanxenxo. O sector di que non aumentaron nos últimos tres anos, pero concello e inmobiliarias cúlpanos de distorsionar o mercado de alugueiro.

Provocou o baleirado da oferta de pisos dispoñibles para alugueiros de longa duración e cos prezos disparados

“É un desequilibrio importante. Provocou o baleirado da oferta de pisos dispoñibles para alugueiros de longa duración. Hai moi poucas opcións e os prezos están disparados”, sostén Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias.

En Santiago temos un problema enorme, que afecta ao noso ecosistema e mesmo á nosa propia identidade

“En Santiago temos un problema enorme, que afecta ao noso ecosistema e mesmo á nosa propia identidade”, asegura a concelleira de urbanismo Mercedes Rosón, aludindo á perda de veciños e de servizos que fan cidade. Aviturga insiste en que o problema do alugueiro en Santiago non son as 700 vivendas de uso turístico, “o problema son as 9.000 vivendas que están baleiras, igual hai que actuar sobre iso e non buscar excusas como está facendo o Concello”.

En toda Galicia hai 15.000 vivendas de uso turístico, segundo o rexistro da Xunta. Hai cinco anos, cando se creou, había 542.