Enlaces accesibilidad

Proban en Marín unha boia de salvamento autopropulsada e guiada cun mando a distancia

  • Permite chegar axiña ata unha persoa que caia ao mar e remolcala ata o barco ou a terra
  • Fabricada en Portugal, actívase ao entrar en contacto coa auga e acada 15 km por hora

Por
Salvavidas autopropulsado

15 km por hora

O seu nome é 'Usafe' pola súa forma de U, un flotador autopropulsado capaz de acadar os 15 quilómetros por hora. Actívase cando entra en contacto coa auga e opérase cun mando a distancia.

Pode actuar en calquera situación para recoller a alguén no mar en condicións moi adversas

Ten unha autonomía de 35 minutos e pode arrastar ata 240 quilos de peso. O responsable da empresa Gaexcon Domingo Fernández afirma que "pode actuar en calquera situación para recoller a alguén no mar en condicións moi adversas".

"Para pesca de litoral é perfecto. Para pesca de alta mar, hai días con ondas de seis metros e habería que probar, pero véxolle moita utilidade. Se existise hai dez anos morrería moita menos xente aquí na ría," sinala o mergullador Carlos Correa, que acaba de probalo.

Seguridade

Este salvavidas ofrece numerosas condicións de seguridade. Por exemplo, se envorca por unha onda pode seguir navegando e dispón dun mecanismo que evita apagados accidentais.

Pode ser unha revolución desde a perspectiva da seguridade, sobre todo a nivel de 'home á agua' e en augas moi frías

"Pode ser unha revolución desde a perspectiva da seguridade, sobre todo a nivel de home á agua e en augas moi frías", sinala José Benito Suárez, presidente da autoridade portuaria de Marín-Pontevedra, onde se presentou o dispositivo, fabricado en Portugal e moi avanzado tecnoloxicamente.

"Todo o que sexa por mellorar a seguridade e axudar aos nosos tripulantes a teer dispositivos para que nunha situación de emerxencia se poidan salvar vidas humanas, benvido sexa", complementa Juan Carlos Martín Fragueiro, xerente da asociación de armadores de Marín.

O dispositivo instalouse xa nalguns pesqueiros, pero está pensado tamén para peiraos, praias e barcos de recreo co fin de axudar de xeito rápido en operativos de rescate.