Lume rápido, menos prexuízo para o solo
- O risco de erosión do solo tralos incendios do Courel e Valdeorras é moderado
- Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán están a inspeccionar as zonas máis afectadas
Os incendios forestais que o mes pasado calcinaron máis de 11.000 hectáreas de monte da Serra do Courel, en Lugo, e 10.500 da comarca de Valdeorras, en Ourense, foron cualificados de sexta xeración.
Son lumes moi difíciles de extinguir que se propagan moi rápido polas copas das árbores e que destrúen todo ao seu paso.
Cando as zonas afectadas aínda non se recuperaron do drama, a noticia esperanzadora é que a afección ao chan é moderada. Asegúrao a bióloga que é a maior experta de España en solos queimados tras inspeccionar as zonas máis danadas durante varios días.
“Estes lumes tan rápidos e virulentos soen ser menos prexudiciais para os solos, porque o chan é un elemento que conduce moi mal a calor“
Cristina Fernández asegura que “atoparon algúns lugares bastante afectados, pero, aínda que nos quedan zonas por ver, o risco de erosión está nun nivel moderado. Estes lumes tan rápidos e virulentos, que crean lapas enormes, soen ser menos prexudiciais para os solos porque o chan é un elemento que conduce moi mal a calor”.
Traballo de investigación no campo
Cristina traballa no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, dende 1994. A semana pasada comezou a percorrer con seis técnicos o territorio queimado polos maiores incendios da historia de Galicia.
En Rubiá, coa axuda dun mapa do lume de Valdeorras coas zonas de vexetación máis afectadas decide en cales van traballar. Trátase de saber onde pode haber máis risco de erosión e de que as chuvias arrastren as cinzas.
“Na nosa escala de severidade o negro é o máis favorable, porque iso quere dicir que aínda queda carbón que protexe o solo mineral“
Delimitan o terreo con estacas en parcelas de 20 por 20 metros e analizan os niveis de severidade do lume no solo aplicando como indicador visual unha escala de seis cores. Cristina explícanos que “a escala vai dende as cores máis próximas ao negro ata as grises e laranxas, que son os niveis de severidade maiores. Na nosa escala de severidade o negro é o máis favorable, porque iso quere dicir que aínda queda carbón que protexe o solo mineral”.
Como os lugares menos prioritarios de intervención son os negros, proporán actuar nas ladeiras máis grises e marróns cun desnivel inferior ao cincuenta por cento e con pouca vexetación.
Palla para protexer o solo queimado
A mellor maneira de protexer o solo é cubríndoo con palla de cereais. Pode facerse a man, pero nas zonas inaccesibles hai que usar un helicóptero. Estas técnicas só se utilizan en Galicia, Estados Unidos e Canadá.
A súa eficacia é do noventa por cento cando se aplican nos tres meses posteriores aos incendios. Segundo Cristina, “a única cousa que se pode facer nos lugares con máis afección é tapar ese solo ferido cunha venda para evitar que a auga faga o seu traballo e arrastre esa parte do solo que está moi alterada”.
Cinco anos para recuperarse
Os traballos de emerxencia sobre o solo queimado hai que facelos durante o ano posterior aos lumes, porque é cando se perde o oitenta por cento dos sedimentos. As zonas grises precisarán cinco anos para comezar a recuperarse, pero nas negras, a paisaxe rexurdirá moito antes.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán leva dezaseis anos utilizando este modelo preditivo da erosión dos solos queimados con carácter de urxencia.
É un modelo único en España no que están a traballar para melloralo. Unha gran axuda sería que os satélites puidesen detectar a heteroxeneidade do chan para non depender tanto do traballo de campo.