Enlaces accesibilidad

Isabel Zendal, protagonista da primeira campaña de vacinación mundial da historia

  • Isabel Zendal era a reitora do hospicio da Coruña do que saíron 12 dos 21 nenos que portaron a vacina da varíola a América
  • A súa localidade natal, Ordes, homenaxea á primeira enfermeira en misión internacional

Por
Isabel Zendal, protagonista da primeira campaña de vacinación mundial da historia

Isabel Zendal naceu en Santa Mariña de Parada en Ordes, na Coruña, no seo dunha familia moi pobre. Foi a única muller da Expedición Balmis. Unha expedición patrocinada pola Coroa para levar a primeira vacina da historia a América.

A primeira campaña mundial de vacinación comezaba a súa singladura a bordo da corbeta "María Pita". Nela partían do porto da Coruña 27 tripulantes, un equipo médico de dez persoas e o máis importante os 21 nenos que portaron no seu corpo a vacina da varíola ata América.

Isabel Zendal era a única muller nalquel barco. Case coma unha nai para aqueles nenos dos que dependía o éxito da expedición Balmis.

Unha longa travesía polo océano que comezaba na Coruña o 30 de novembro de 1803, cunha breve escala en Canarias para seguir rumbo a San Xoán de Porto Rico onde chegaron o 9 de febreiro de 1804, case dous meses e medio despois.

Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1807)

A Real Expedición Filantrópica da Vacina continuaba cara Venezuela onde se dividiu o grupo. Un parte dos expedicionarios puxo rumbo a Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia e as illas do sur de Chile. O outro o que lideraba Balmis e no que estaba Isabel Zendal navegou ata a Habana onde chegaron en xullo de 1804, para despois continuar coa campaña de vacinación en Guatemala, México e Filipinas.

A misión de Isabel como enfermeira da Real Expedición rematou en outubro de 1807, case catro anos despois da súa partida da Coruña.

Toda unha fazaña médica que foi ignorada durante dous séculos a este lado do Atlántico..., ata que un xornalista coruñés, Antonio López Mariño deu con ela por casualidade, despois da negativa dunha monxa do hospicio da cidade para unha reportaxe.

"Fíxome o maior favor profesional da miña vida”, lembra López Mariño. “Díxome: si usted quiere hablar de los expósitos por qué no le cuenta al mundo lo mejor que hicieron estos niños por la humanidad, que fue llevar la primera vacuna de la historia de la medicina desde aquí de La Coruña hasta América".

Os nenos do torno

Tirando do fío descubriu que a maioría dos nenos da expedición Balmis, doce dos 21 saíron do hospicio da Coruña fundado por Teresa Herrera e no que traballaba como reitora Isabel Zendal.

O resto foron recrutados noutros orfanatos de Madrid e tamén en Santiago, no Gran Hospital Real, o Hostal dos Reis Católicos,  o maior centro de acollida de Galicia de expósitos.

No Hospital Real atendían a unha media de oitocentos nenos abandonados cada ano. Era o gran hospicio de Galicia

Antonio López Mariño "No Hostal dos Reis Católicos, no Hospital Real, atendían a unha media de oitocentos nenos abandonados cada ano. Era o gran hospicio de Galicia. De media cada día eran entregados no torno deste centro de acollida en Santiago dous nenos".

Eran os chamados nenos do torno. Parte da historia dos que levaron a vacina da varíola a América podemos coñecela grazas o Arquivo Histórico Diócesano de Santiago. Aquí Antonio atopou ao listado dos cinco nenos que saíron do orfanato de Santiago.

Nun dos libros de bautizados podemos ler como foi entregado Jacinto, un dos nenos da expedición Balmis "Bauticé solemnemente un niño expósito que entraron ayer por el torno entre las 10 y 10 y media de la noche, envuelto en un brullo de baeta azul vieja”.

Marcha á América sen pensar en volver

Isabel Zendal tiña moito en común con aqueles nenos. De orixe moi humilde, marchou de moza dende a súa aldea de Santa Mariña de Parada en Ordes á Coruña, a servir na casa dun comerciante.

Pobres de solemnidade, os pais de Isabel Zendal falecen antes de que ela decida embarcarse na Real Expedición da Vacina en 1803. Unha iniciativa de Carlos IV, coa que o Rei quería levar ás posesións españolas en América e Asia o antídoto contra a varíola que estaba deixando a Coroa sen traballadores e sen contribuíntes nas terras de ultramar.

Unha misión na que Isabel, tal como documenta no último libro de Antonio López Mariño, Isabel Zendal. La madre de todas las vacunas (Teófilo Edicións, 2022) embarcou co seu fillo rumbo a América sen pensar nunca en volver.

López Mariño explíclao: "Como o salario era moi voluminoso, deixaban dito que entre un 40 e un 60 por cento fora entregado ás súas familias en España. Algo que Isabel nunca fixo”.

Pasou o resto dos seus días en México coma todos os nenos da expedición Balmis. A primeira campaña de vacinación da historia con marcado protagonismo galego.