Preocupación no marisqueo polo descenso da produtividade das rías galegas
- Na ría de Arousa, a produción de ameixa caeu á metade desde o ano 2000. A do berberecho, ao 23 por cento
- O aumento das temperaturas, a contaminación ou o furtivismo están detrás da redución das capturas
As mariscadoras notan unha baixada importante dos recursos. Xa dende hai uns anos. Gloria Rivas, á que atopamos recollendo ameixa en Cesantes, en Redondela, confírmao: “Cada vez hai menos, crece pouco, aparece moita morta... Non sei se será a calor, non sei”.
As mariscadoras de Redondela, coma as de outras confrarías, dedican tempo e cartos a traballar os areais, a sementalos, pero os bivalbos ou non medran, ou morren.
Á espera de estudos
Nuria Novelle, tamén mariscadora, di que “non é normal para esta época do ano. Estariamos collendo oito quilos, sete ou dez”, engade, “e agora estamos collendo cinco e é co que nos temos que conformar. Xa levamos case dous anos collendo iso e non podemos subir”.
Á espera de estudos concluíntes, a contaminación e o cambio climático parecen ser causas da baixada de capturas.
“El aumento de las temperaturas está correlacionado con un disminución de la concentración de oxígeno”, indica Joaquim Garrabou, investigador do Instituto de Ciencias do Mar, do CSIC, en Barcelona. “Está causando eventos de mortalidad masiva que pueden afectar a más de 90 especies”, explica Garrabou.
Piden axuda ás administracións
Manuela Pena, mariscadora de Redondela, tamén aprecia cambios na ría, e pide axuda: “As augas as notamos moi quentes e morre moita mercancía. As administracións axudan pouco. Como non boten unha man, en nada iso vaise acabar”.
Entre os cambios do clima tamén está o dos ventos que moven as correntes e arrefrían a auga, clave da riqueza marisqueira de Galicia.
“O vento do norte era o que traía o afloramento. Agora, cada vez hai menos vento do norte, menos temporais, menos mar de fondo“
Explícao Nuria Novelle: “O vento do norte ou do noroeste, que aquí era o que traía o afloramento, que facía o cambio da lámina de auga quente, substituíaa por auga fría que viña do océano chea de nutrientes. Agora, cada vez tamén hai menos vento do norte, menos temporais, menos mar de fondo”.
Acabada a xornada, as mariscadoras recollen a colleita do día, e pasan o control da Consellería do Mar, que, na baixada dos recursos, recoñece a influencia do cambio climático, xunto a outros factores.