Paramos, Tui: do estoupido á reconstrución
- A Fiscalía pide 14 anos de cárcere e once millóns de fianza para o dono do almacén pirotécnico ilegal que estourou en 2018
- Catro anos despois, a vida continúa, pero con menos veciños, cercados aínda polas pegadas do sinistro
Catro anos despois da explosión pirotécnica de Paramos, en Tui, o xulgado que leva o caso abriu xuízo oral contra o propietario do almacén ilegal pola morte dunha parella.
Na área arrasada do barrio segue a vida, pero con menos veciños. Están rodeados de pegadas da destrución.
Na zona cero, a explosión arrasou trinta casas. Agora en parte están reconstruídas. Para as familias que volveron ás súas vivendas foi un camiño difícil cara unha normalidade que seguen buscando.
Vivir buscando a normalidade
Falamos cunha das veciñas que perderon a casa hai catro anos. “Normalidade, si”, dinos. “Intentamos vivir, pero iso nunca se olvida”.
Tamén Emilia Muñoz sente aínda a lembranza da destrución: “Y de repente te quedas sin nada y ese vacío es difícil de llevar”.
As súas vidas mudaron o 23 de maio de 2018. Vivían ao pé dun arsenal de 2.000 quilos de material explosivo, pero non o sabían ata que explotou matando a unha parella que deixou dous orfos. Máis de catrocentas casas sufriron estragos.
Visitamos a finca onde estaba o almacén da pirotecnia. Ao redor, agora, todas as casas son novas, pero os veciños viven coas marcas dunha destrución que non esquecen.
Reconstruídas 21 das 30 vivendas
“As casas reconstruíronse, o material”, comenta unha das afectadas. “Si che queda iso para toda a vida. Pero a eses nenos quedoulle a vida estragada para sempre”.
Foi en 2018. Pasaron anos difíciles para volver levantar as casas coas indemnizacións dos seguros e axudas públicas, concedidas como zona catastrófica. Nas fincas hai partes sen rehabilitar e oito veciños preferiron deixar o barrio.
“El que más el que menos, el que pueda largarse”..., comenta un veciño que volveu, “ya solamente para no ver lo que pasó y ver lo que queda... Hay mucho que hacer todavía”.
O xulgado de Tui que investigou o caso acaba de abrir xuízo oral. A Fiscalía pide 14 anos de cárcere para o pirotécnico, acusado de dous homicidios imprudentes, lesións e danos eco catastróficos.