Castro Caldelas: murais para embelecer a Ribeira Sacra
- Cinco artistas de prestixio internacional participan no primeiro festival de muralismo de Castro Caldelas
- Co obxectivo de achegar a arte urbana á cidadanía, convidaron aos escolares de primaria a unha visita guiada
A Festa dos Fachós é un ritual de purificación que se celebra en Castro Caldelas dende hai máis de 270 anos. Sempre remata coa queima dun facho xigante.
É o tema que escolleu un artista andaluz para pintar un mural na medianeira dunha casa.
Xoana Almar, coordinadora do festival, explica que “esa festa desde o principio lle chamou moito a atención. Visualmente, parecíalle moi interesante. Ese xogo de cálidos e fríos, da noite e do fogo”.
O muralista pinta con brochadas grosas porque hai que mirar a obra de lonxe.
Diversidade de estilos
Outros catro artistas están a intervir ao mesmo tempo noutras paredes. Un coruñés está a crear unha postal cunha das vistas que ofrece un dos miradoiros máis espectaculares da Ribeira Sacra.
A unha pintora de Lugo encántalle cubrir as fachadas de plantas autóctonas. Nunha parede vemos unha escornacabras.
Unha catalán pinta os murais con manchas como se fosen cadros, porque procede da pintura clásica. É a proba de que o muralismo está en auxe.
“É unha forma de expresión artística que está na rúa e sempre é algo de impacto na veciñanza“
Xoana Almar comenta que se trata dunha “forma de expresión artística que está na rúa e sempre é algo de impacto na veciñanza”.
O primeiro festival de muralismo que se celebra nesta vila ourensá é unha idea do consorcio de turismo da Ribeira Sacra para embelecer un dos concellos máis turísticos deste territorio.
Arte nas vilas pequenas
“Son interesantes”, di Almar, “os debates que poden saír das diferentes técnicas que usa cada muralista, as temáticas que elixe. Eu creo que é moi enriquecedor e máis que se achegue a vilas pequenas, vilas do rural”.
Nese obxectivo de achegar a arte urbana á cidadanía, convidaron aos escolares de primaria a facer unha visita guiada polos murais. Varios deles son netos da veciña que o artista converteu nunha das súas ‘superavoas’.
“Ao final”, explícalles a guía aos nenos diante dun mural, “a vai converter como nunha vaqueira, nunha vaqueira enriba dunha vaca como se fose do Oeste”.
A ruta dos murais
Anabel Quintana é a profesora do colexio: “Unha vez que os murais estean feitos, acabados, eles enseguida explican ‘vin como o facía, coñezo o nome do muralista...’ Vedes que están lugares moi representativos. Incluso vai aparecer a avoa dunha das nosas alumnas reflectida nun mural”.
As cinco obras pasarán a integrarse na ruta dos murais que xa existe na Ribeira Sacra.