Enlaces accesibilidad
Prestige, 20 anos despois

Haberá outra marea negra?

  • Cada día, un cento de mercantes circulan polo corredor marítimo fronte á costa galega
  • Os protocolos deixan en mans da Mariña Mercante as decisións sobre os buques con problemas

Por
Haberá outra marea negra?

O centro de Control de Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra monitorizou nos últimos vinte anos 700.000 buques durante a súa navegación fronte á costa galega. Deles, 500 tiveron algún incidente.

Tralo afundimento do Prestige ampliáronse as vías de circulación do corredor marítimo polo que a diario circulan un cento de mercantes e afastáronse da terra.

Os portos refuxio

O xefe da torre de Control de Tráfico e Salvamento Marítimo, Manuel Capeáns, sinala que este tempo houbo moitos cambios lexislativos que fan do mar un lugar máis seguro, coma a Lei de navegación marítima ou o Sistema nacional de resposta.

Explica que ao longo do litoral galego hai "diversos puntos de lugares de refuxio" aos que levar un buque en situación de crise. Pero estes non son públicos, unha das chaves que ecoloxistas e profesionais do mar cuestionan.

Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, subliña que as autoridades "non se atreveron a designar un porto refuxio".

Tamén o capitán da Mariña Mercante e profesor da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña Julio Louro subliña que este é "un tema que non está resolto".

Criterios técnicos ou políticos

Os protocolos deixan en mans do director xeral da Mariña Mercante a decisión última sobre que facer cun buque con problemas: hai que afastalo da costa ou achegalo?

Capeáns matiza que "en función das circunstancias" é a persoa nese cargo a que "toma a decisión sobre cal é a mellor resposta a cada emerxencia concreta".

Pero isto para Louro, que navegou durante vinte anos por mares e océanos de todo o mundo, non é dabondo. Cre que a xestión da crise debe ser competencia dun gabinete técnico e apunta que de todas as toneladas de chapapote espalladas pola costa tralo mayday do Prestige, só tres mil foron consecuencia do mal estado do buque, o resto atribúellas á "mala xestión".

Ningún político vai querer meter un barco nunha enseada porque sabe que vai perder todos os votos

Dende ADEGA, Fins Eirexas, ve tamén aquí un risco non corrixido. Sostén que ante un verquido "ningún político vai querer meter un barco nunha enseada porque sabe que vai perder todos os votos, foi o que aconteceu durante a catástrofe do Prestige e o que volverá acontecer na vindeira".

Máis medios

Malia os accidentes marítimos que Galicia tivera que afrontar, en novembro de 2002 evidenciouse a falta de medios para facerlle fronte a unha chamada de auxilio destas características dende o mar.

Isto mudou dende entón e hai, por exemplo,  un buque anticontaminación con porto base en Cee ou material coma barreiras oceánicas ou contedores para almacenar residuos.

Nos últimos vinte anos non tivemos que lamentar outras mareas negras pero cada pouco rexístranse episodios de contaminación mariña. As asociacións ecoloxistas subliñan que haberá risco en canto o sistema siga dependendo do petróleo.