Enlaces accesibilidad
Prestige, 20 anos despois

Nunca Máis, o movemento que cambiou a visión sobre os galegos

  • A catástrofe do Prestige provocou as maiores mobilizacións da historia de Galicia
  • O berro de indignación asentouse como marca contra as inxustizas

Por
Nunca Máis, o movemento que cambiou a visión sobre os galegos

O 1 de decembro de 2002 Santiago de Compostela acolleu a manifestación máis multitudinaria das moitas que se celebran, por moi distintos motivos, na capital de Galicia.

E iso que a convocatoria fora feita con moi pouco tempo de adianto: o Prestige rachara en dous e afundira había pouco máis de dez días.

Paraugas en Compostela

A maiores, o primeiro de decembro chovía insistentemente. Porén,  Compostela anegouse de milleiros de paraugas como non se lembraba. A catástrofe aguilloou a sociedade, que estoupou coma nunca antes o fixera.

“Aquilo non era unha manifestación, era algo tan multitudinario que sobre pasaba a cualificación de manifestación”, di Xaquín Rubido, un dos portavoces da plataforma Nunca Máis, que agrupaba a máis de 200 asociacións e colectivos de diverso tipo.

Unhas 200.000 persoas chegadas de toda Galicia berraron contra a xestión do sinistro. “Reaccionamos cabreados, co corazón, pedindo dignidade para Galiza”, continúa Rubido.

Peaxes abertas na AP-9

Por primeira vez, Autopistas del Atlántico tivo que levantar as barreiras da peaxe ante a aglomeración de vehículos esperando entrar en Compostela e o discorrer polas rúas de Santiago, desde a Alameda ata a praza do Obradoiro, demorou horas.

A praza liberouse varias veces para que puidesen entrar os manifestantes que quedaban fóra e Manuel Rivas tivo que ler o manifesto ata sete veces para que todos puidesen escoitalo.

Era como estar enriba dunha pota a ferver, dun cabalo desbocado empurrado por moita xente e durante moito tempo

A inesperada e multitudinaria resposta cidadá levou a plataforma a marcar obxectivos que nin os máis optimistas pensaran.

“Recibiamos tal número de iniciativas dos colectivos que era moi difícil xestionar aquilo, era como estar enriba dunha pota a ferver, dun cabalo desbocado empurrado por moita xente e durante moito tempo”, lembra Xaquín Rubido, quen, sustentado pola súa formación de biólogo, liderou numerosas iniciativas de carácter técnico ante a Xunta, o Goberno e a Unión Europea.

“Foi un movemento cívico exemplar, o máis aberto e inclusivo da historia recente.  Identificou a maioría dos galegos á marxe das formacións políticas, agás os gobernantes”, sinala Uxía Senlle, outra das portavoces.

Protestas en Madrid e Bruxelas

Á manifestación de Santiago seguiron as doutras cidades galegas e tamén en Madrid (250.000 persoas) e Bruxelas.

O movemento Nunca Máis espertou simpatías dentro e fóra de Galicia, nas protestas e nas accións de voluntariado para limpar o chapapote da costa.

As manifestacións tiñan un apartado artístico e festivo, pensado polo colectivo Burla Negra. “Eran mani-festa-accións”, resume Uxía.

Mudou a visión dunha Galiza submisa a outra rebelde e activa. Preocúpanos que as novas xeracións coñezan o que pasou e que saiban afrontar as adversidades

A reacción colectiva á catástrofe cambiou a percepción de Galicia e dos galegos, segundo coinciden moitos dos protagonistas.

“Mudou a visión dunha Galiza submisa a outra rebelde e activa. Preocúpanos que as novas xeracións coñezan o que pasou e que saiban afrontar as adversidades”, reflexiona Uxía Senlle.

Pulso aos gobernos de Aznar e Fraga

Fomos quen de levantarnos, de organizarnos e decidir, e de levarlle o pulso aos gobernos de Aznar e Fraga. O pobo galego posPrestige e Nunca Máis é un corpo social que sabe que se se xunta, pode decidir. Nunca Máis é un faro no horizonte”, indica Xaquín Rubido.

Ao carón dos avances lexislativos e de medios para protexer o mar, Nunca Máis sinala entre as materias pendentes a necesidade de baixar aos restos do Prestige, somerxido a 3.500 metros, para inspeccionar o selado e posible corrosión do casco, que aínda garda 1.100 toneladas de fuel.