O mundo máis persoal de Valle-Inclán
- Valle-Inclán íntimo é unha exposición organizada pola Universidade de Santiago no Colexio de Fonseca
- Inclúe pezas cedidas pola familia, algunhas expostas por primeira vez, como a máscara mortuoria de Francisco Asorey
Poucos escritores teñen unha imaxe tan lendaria como Ramón María del Valle-Inclán. Un personaxe construído coa axuda dunha capa, unhas gafas e unha longa barba.
Margarita Santos Zas, comisaria da exposición Valle-Inclán Íntimo, indica que “probablemente sexa un dos autores máis caricaturizados da súa época, porque a súa figura prestábase. Entón, a pregunta é, por que Valle-Inclán creou esa figura de si mesmo? Ese personaxe, que é un personaxe practicamente de lenda, un personaxe literario que empeza cunha autobiografía: ‘Este que véis aquí, de rostro quevedesco y longa barba soy yo, Ramón María del Valle-Inclán’”
Caricaturas e libros dedicados
Máis ala desta imaxe icónica, a exposición tenta achegarnos ao Valle-Inclán máis persoal botando man do seu patrimonio artístico como cadros, caricaturas ou libros dedicados polos seus autores.
Está concibida como un percorrido estético onde a parte gráfica e documental se retroalimentan.
“Nun cadro gótico atopamos unha serie de cousas que despois van estar na súa obra. Por exemplo, o tempo. Borrar o carácter de cambio no tempo“
José Manuel López, tamén comisario da exposición, sinala un cadro gótico, do século XV que tiña Valle-Inclán. “En el –di José Manuel López– atopamos unha serie de cousas que despois van estar na súa obra. Por exemplo, o tempo. Borrar o carácter de cambio no tempo”.
Renovación e vangarda
Con Valle-Inclán chegaron aires de renovación e conexións coas vangardas, pero tamén a linguaxe mordaz do esperpento, a deformación grotesca dunha realidade tráxica. A exposición péchase coa súa morte en Santiago, o 5 de xaneiro de 1936.
Javier del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor, lembra ese momento: “Cando faleceu Ramón del Valle-Inclán, de inmediato entraron na habitación varios artistas, entre eles Castelao, que debuxaron a Valle-Inclán no leito de morte”.
A máscara mortuoria
E na sancristía de Fonseca tamén se pode ver a máscara mortuoria realizada polo escultor Francisco Asorey, o molde da man e unha flor seca do seu enterro.
O autor de Luces de bohemia, Divinas palabras ou Tirano Banderas descansa para sempre no cemiterio de Boisaca en Compostela, a cidade que definiu como a rosa mística de pedra, que non parece antiga senón eterna e onde as horas son unha mesma hora eternamente repetida baixo o ceo chuvioso.