Enlaces accesibilidad

Picasso viviu na Coruña entre os nove e os trece anos, unha etapa clave no seu desenvolvemento persoal e artístico

  • Foron catro anos, antes de marchar a Barcelona, que marcaron a súa personalidade e creatividade para sempre
  • O oito de abril cumpríronse 50 anos da morte do artista. A súa obra seguirá sendo inmortal

Por
Picasso na Coruña, 1891-1895

A arte do século XX non se entende sen a súa figura, como a súa figura non se entende sen ter en conta o seu paso pola Coruña. Viviu na cidade entre os nove e os trece anos, unha etapa que resultaría clave no desenvolvemento persoal e artístico do Picasso adulto.

O artista e a cidade

O centro da Coruña, aos pés do Obelisco, foi o primeiro que pisou na cidade o pequeno Pablo Picasso. Alí os deixou a el, aos seus pais e ás súas irmás, a Carrilana, unha especie de dilixencia tirada por cabalos procedente de Vigo e Santiago. Picasso tiña entón só 9 anos. Era setembro de 1891.

A familia Picasso instalouse nun edificio da rúa Paio Gómez, de arquitectura tipicamente coruñesa, hoxe convertido en casa museo.

No seu interior podemos ver as diferentes estancias..., onde estudaba, onde durmía, onde pintaba, onde soñaba Picasso.

María Beatriz Doldán, coordinadora da Casa Museo Picasso, explica que “é unha recreación da vivenda familiar, moi similar á do momento no que viviron aquí, pero tamén una recreación de toda esa iniciación na pintura de Picasso nesta cidade”.

Das paredes colgan reproducións dalgunhas das súas obras máis destacadas, un gravado orixinal, e un cadro titulado O Pombal, pintado polo seu pai. Din que como estaba perdendo vista, foi o neno, Pablo, quen pintou as patas das pombas.

O barrio onde residiu denomínase Distrito Picasso

Apenas a uns metros da súa casa está a praza de Pontevedra, presidida por outra pomba, a famosa creación que realizou Picasso co gallo do Congreso Mundial da Paz de París, en 1948.

Na praza de Pontevedra, Pablo xa deixaba entrever a que sería unha das súas grandes afeccións o longo da súa vida: aquí xogaba aos touros cos seus compañeiros de colexio. Estudaba no instituto Eusebio da Guarda, onde daba clase seu pai, onde Picasso cursou secundaria e onde se matriculou na Escola de Belas Artes.

O que lle gustaba era que o castigaran no instituto da Guarda, como o chamaba el, porque así podía dedicarse exclusivamente a debuxar

“Polas mañás —conta María Isabel Ruso, actual directora do IES Eusebio da Guarda— as notas non eran demasiado boas, sen embargo, polas tardes eran todo matrículas. Estaba claro que este neno o que quería era debuxar. O que lle gustaba era que o castigaran no instituto da Guarda, como o chamaba el, porque podía dedicarse exclusivamente a debuxar”.

Comezaba así a súa formación como pintor, participando en varias exposicións colectivas. Arredor da escalinata do colexio comezaba a forxarse un xenio.

María Isabel Ruso gábase: “Eu digo sempre ao meu alumnado que sou unha directora moi presumida, precisamente porque podemos presumir. Un xenio recoñecido a nivel internacional que estivera na nosa cidade e que a súa primeira etapa de formación, fundamental entendemos, fora neste instituto, para nós é unha satisfacción moi grande”.

A súa primeira exposición, con 13 anos

Con 13 anos, Picasso montou a súa primeira exposición individual no número 20 da rúa Real, no escaparate do que entón era unha tenda de mobles, hoxe reconvertido en zapatería. Recibiu excelentes críticas na prensa da época.

Esa exposición celebrouse só uns días despois de que Picasso despedise para sempre súa irmá pequena Conchita, vítima dunha epidemia de difteria. Os seus restos repousan aínda no cemiterio de San Amaro. Descoñécese o lugar exacto da súa tumba.

Aquel episodio marcou en gran medida o carácter de Picasso, ata o punto de que varias biografías atribúen a súa tormentosa relación coas mulleres a aquela traumática cicatriz.

Picasso perdeu unha irmá, a humanidade gañou un xenio

María Beatriz Doldán, coordinadora da Casa Museo Picasso da Coruña, conta que “Picasso chegou a prometer que se se salvaba Conchita, el deixaba de pintar. Non pasou. Seguiu pintado. Creo que ía ser moi difícil que non pintara nada, pero así foi a promesa”.

Pero se houbo outro vencello —máis alegre, aínda que tamén profundo— na relación entre esta cidade e Picasso, foi o do mar.

Aquel neno xogaba e corría sen parar polas praias coruñesas, que inmortalizou en numerosas ocasións. Con frecuencia coa súa Torre de Caramelo —como el e o seu padre chamaban a Torre de Hércules, pola súa cor— de fondo. Símbolo dunha cidade, A Coruña, orgullosa de ver nacer como artista un dos maiores xenios da pintura universal.