Enlaces accesibilidad
Tradicións

Tempo de lamprea no Miño

  • Os pescadores quéixanse de que este ano o vertebrado máis antigo do planeta escasea no río
  • É un sinal de identidade de Arbo, onde a súa festa foi declarada de interese turístico internacional

Por
Tempo de lamprea no Miño

Javier Rodríguez, un pescador do Miño, baixa cada mañá ao río en Arbo a ver se entraron lampreas nos vituróns que coloca de febreiro a maio nas súas pesqueiras. Ten nove, pero algunhas en abril están tapadas pola auga e non pode pescar nelas. A unha delas chega colocando unha escaleira e coa axuda da súa parella, Vanessa.

Non sabe o que vai atopar na rede, pero parece que a noite non se deu mal. Caeron catro nesta pesqueira ou pesco.

Pesqueiras ou pescos centenarios

En 25 quilómetros de río, nas dúas beiras, na galega e na portuguesa, hai catalogados uns 700 pescos,  moitos deles abandonados, en desuso, ou desfeitos polas cheas. Úsanse dende hai séculos, algún dende a época romana, para crear correntes e atraer os peixes.

Javier, coñecido como O Brey,  di que pescar lamprea é para el una tradición: “xa viñan meu avó e meu pai”. Recorda que na casa non pasaban un San Xosé sen comer lamprea.

Para el é un complemento da súa actividade principal, cultivar viñas. Pero cre que os seus fillos xa non seguirán con este oficio.

As pesqueiras son propiedades herdadas, de uso compartido, onde se arman distintas artes para pescar tamén salmóns e sábalos.

Entra a auga a presión, fai uns tiros de auga que chaman á lamprea para que veña á boca e caia na rede

Sobre una das pesqueiras, mentres a auga baixa con forza, Javier Rodríguez explícanos o funcionamento destas enxeñosas construcións de pedra: “A auga ben, fixeron estes paredóns, estes pescos coas cuñas que entra a auga a presión, fai uns tiros de auga que é o que chama á lamprea e ao pescado para que veña á boca, onde metemos a rede e que caia. Este ano está habendo pouca captura,  hai máis desove uns anos que outros, entón varía moito a captura”

Estamos na segunda das pesqueiras que nas que armou vituróns a noite pasada. Levanta a cadea e tira. Hoxe é un día redondo: “Algo vén..., trae lampreas, trae tres ou catro... Esta pesa dous quilos. É bonita”.

O vertebrado máis antigo do planeta

É o vertebrado máis antigo do planeta, sen a penas evolución en 500 millóns de anos.

Nace no río, migra ao mar e, anos despois, volve ao mesmo lugar para desovar e morrer.  Guíanse polo olfacto seguindo unha substancia que liberan as larvas e a corrente leva ao mar.

Aliméntanse de presas ás que lle chuchan o sangue.

Na mesa levanta paixóns

Con parte do seu sangue, viño e moita man, guísase ao xeito tradicional. Pero tamén é moi demandada a lamprea seca.

Desprazámonos á cociña de Casa Calviño, nas Neves, outra das localidades da beira galega do Miño, xunto a Crecente e Salvaterra, onde teñen máis sona as distintas preparacións da lamprea.

En Casa Calviño levan máis de cen anos, de xeración en xeración, preparando lamprea. Á fronte dos fogóns está Cecilia Cermeño. Herdou a receita tradicional de lamprea á bordelesa da súa sogra. Di que se transmitiu de sogras a noras e que foron innovando sen perder a esencia.

Agora fan empanada de lamprea, croquetas e moitas receitas coa lamprea seca e afumada.

“Case tan tradicional como esta é a lamprea afumada”, conta Cecilia, “que se fai rechea e preséntase tipo friame, para comer en frío, moi rica. Facemos unha lamprea en escabeche, que se presenta como un carpaccio e está riquísima cun escabeche branco”.

O seu exclusivo sabor, nin de carne nin de peixe, converteuna nun atractivo turístico nesta zona fronteiriza do Miño con Arbo como referente.