'Gran Irmán' a bordo
- A Unión Europea aproba o regulamento que implicará a instalación de cámaras de vixilancia nos barcos
- O sector pesqueiro galego recibe con desconfianza esta obriga ao entender que afecta á privacidade
O sector pesqueiro prepárase para entrada en vigor do novo regulamento de control da pesca, que acaba de aprobar a Unión Europea. Obrigará aos barcos pesqueiros de máis de 18 metros de eslora a instalar durante os próximos catro anos cámaras para controlar as capturas e os descartes.
Tomás Galán, director de I+D de Satlink, a empresa que instala estas cámaras, explica que o sistema permite “identificar con algoritmos de intelixencia artificial cando está ocorrendo una captura e a especie que é”.
“As caras aparecen pixeladas, non se sabe quen está manipulando o pescado“
Unha empresa autorizada pola administración revisará esas imaxes. Faustino Velasco, presidente desta compañía, garante a privacidade do proceso: “As caras aparecen pixeladas, co cal, non se sabe quen está manipulando o pescado, é total a intimidade”.
Proxecto piloto en Burela
Un palangreiro de Burela xa ten tres cámaras de vixilancia instaladas. Participa nun proxecto piloto para comprobar o funcionamento do sistema.
Raúl Canoura, armador e patrón, conta a súa experiencia: “non estou en contra nin a favor. Pero, a ver... A do palo de popa paréceme ben, porque vexo para manobrar o barco, se marcha algún pescado, se a xente está aí traballando a controlo, que non lle pase nada, que non se manque algún porque aínda o podes avisar... Pero as que están no parque de pesca e na zona de virada, pois non sei...”
O sector pesqueiro recibe con receo unha obriga máis que Bruxelas impón no novo regulamento de pesca.
“Outra obrigación máis, con outro mantemento máis, con outra exixencia máis, que parece que nos están perseguindo“
Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías asegura que o problema non é que se poñan cámaras nos barcos. “O problema é”, di Basilio Otero, “outra obrigación máis, con outro mantemento máis, con outra exixencia máis, que parece que nos están perseguindo e que queren que paremos de andar na mar”.
Agardan axudas para instalar o sistema
O custo medio de dotar un barco deste sistema de videovixilancia está ao redor dos dez mil euros. No sector agardan recibir financiamento do Fondo Europeo de Pesca.
Ademais de controlar as capturas e os descartes, a instalación de cámaras nos barcos compromete a intimidade das tripulacións, segundo os armadores de Burela, que din sentirse vixiados coma nun auténtico Gran Irmán.
“Preguntámonos por que os políticos non son quen de poñer as imaxes do que fan nos seus despachos“
Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, é claro: “Eu creo que Bruxelas non sabe moi ben o que quere máis que tocar o carajo, moitas veces, sen un obxectivo. Si está claro que é un Gran Irmán. O que nos preguntamos moitas veces desde o sector é por que nós, e por que os propios traballadores ou os políticos que cobran de diñeiro público non son quen de poñer as imaxes do que fan nos seus despachos”.
O novo regulamento de pesca da Unión Europea tamén obrigará aos barcos máis pequenos a dotarse de xeolocalización, coma a que xa teñen os máis grandes.