Onte Pedro Sánchez, hoxe Nadia Calviño. A vicepresidenta primeira clausura esta mañá en Santiago a convención do PSdeG que acolle a Cidade da Cultura. Un acto para lanzar a José Ramón Gómez Besteiro, a aposta socialista á presidencia da Xunta. O presidente do goberno desvelou que lle ofrecera a Besteiro un ministerio no novo executivo estatal, este rexeitouno para afrontar a súa candidatura ó goberno galego.
As últimas horas deixan un incendio na Praza da Constitución da Coruña, fronte á Capitania. Ardeu un edificio que antigamente albergou un establecemento hostaleiro, e que estaba en fase de rehabilitación desde hai un ano. Os bombeiros acaban de rematar os labores de extinción. O lume afectou a todas as prantas ata o tellado. Non houbo feridos, aínda que a Policía evacuou por precaución ós veciños de dous edificios próximos. Descoñécese de momento a orixe do lume.
Nos deportes, vitoria do Celta ante o Granada en Balaídos. En baloncesto, derrota do Obradoiro en Sar fronte ó Real Madrid.