O novo curso, escolar e político, marca a actualidade destes días. No Parlamento, o primeiro pleno despois do verán terá lugar a vindeira semana. Segundo soubemos hoxe, un dos asuntos destacados será a transferencia a Galicia da autoestrada AP-9. Será a cuarta vez que se faga a petición dende a cámara galega. O último texto caducou no Congreso ó convocarse ás eleccións xerais de xullo. Debaterase tamén sobre o contrato do SERGAS con clínicas privadas pra derivarlles abortos.
Nas escolas, de momento os que xa están de estrea son os nenos de 0 a 3 anos. Hoxe, primeiro día nun ano no que tódolos centros, públicos e privados, volven ser gratuítos.
E xa hai data para comezar a vacinación contra o virus da bronquiolite, destinada ós nacidos dende abril. Será a partir do 25 de setembro.