A falta de médicos denunciada estes días na área sanitaria de Pontevedra o Salnés non ten de momento solución sobre a mesa. Os puntos de atención continuada recibirán reforzos de enfermeiras pero non de facultativos. Estas traballadoras van ter ademais formación específica para actuar ante certas emerxencias.
Todo nunha xornada na que, case seis meses despois, coñeceremos as causas do derrubamento no viaduto do Castro, na A6, en medio das queixas dos transportistas polos desvíos que teñen que realizar, perdendo, din, tempo e cartos.
Tamén esta mañá retómase o xuízo do Alvia coas declaracións como testemuñas de dous inspectores que traballaron na liña do accidente e que chegaron a estar investigados na fase de instrución. Tamén declara un axente da Policía Nacional.
Ademais, o mar déixanos a morte dun pescador en Bares. A lancha coa que saíra ó mar co seu irmán envorcou. E en Ourense, faleceu unha muller de 93 anos ó derrubarse o tellado da súa vivenda.
No tempo, durante as primeiras horas do martes, a fronte aínda non nos deixa, sitúase hoxe sobre o sueste da comunidade, a choiva pode vir acompañada de aparato eléctrico.