As denuncias por agresións sexuais, especialmente a menores, están a aumentar en Galicia. A semana que entra haberá ata cinco xuízos na nosa comunidade. Avogados e asociacións indican que faltan medios e, sobre todo, prevención desde o eido educativo.
Despois escoitaremos os datos. Todo nunha fin de semana marcada no político polo debate sobre o estado da autonomía. Non houbo moita actividade hoxe dos grupos pero si anuncios da Xunta para mellorar a atención primaria.
Isto en Galicia, pero hai cidadáns galegos que están fóra, por exemplo en Israel. Imos falar nuns minutos cunha veciña de Ames que nas últimas horas tivo que saír do país ante a situación crítica que se vive alí.
Aquí Salvamento Marítimo remolcou un pesqueiro con tres persoas a bordo tras quedarse sen máquina a tres millas ó sur de Laxe. Foi a primeira hora da mañá. Toda a tripulación está en bo estado. E en Pazos de Borbén ardeu por completo unha vivenda, por fortuna, sen feridos. Foi este mediodía, investíganse as causas.